Kerámikos é un taller artesanal da asociación Apem que, dende 1998, dedícase á elaboración de pezas cerámicas. Neste obradoiro realízanse actividades ocupacionais que pretenden mellorar a autoestima dos seus participantes e promover a adquisición de competencias profesionais que favorezan a integración sociolaboral de persoas con enfermidade mental.
Por iso, neste taller un sempre se está disposto a aprender e a ensinar. Nesta ocasión, Apem impulsou un curso externo de “Iniciación á Cerámica” dirixido a todas aquelas persoas que queiran achegarse a este mundo. O curso comezou o 15 de febreiro e prolongarase ata o 30 de maio, contando con dúas horas semanais de clase e un prezo de 30€/mes.
O obxectivo desta formación é introducir aos participantes nas técnicas básicas da cerámica: rolo, amasado, modelado, decoración de pezas, cocción… En definitiva, toda unha experiencia para divertirse e crear algo persoal e innovador.
Entre os docentes deste curso atópanse usuarios de Apem que participan no taller e que recentemente foron formados nun módulo para ser auxiliares de monitores de cerámica. Deste xeito, teñen a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos ensinando todo o que saben aos alumnos deste curso.