Esta semana, un grupo de oito usuarios de FEAFES Galicia reuníronse nas instalacións da Federación para escoitar en primeira persoa o caso de éxito dun compañeiro. A Axente de Emprego escolleu a este usuario como expositor da charla xa que se trata dun exemplo de superación que demostra que a inserción laboral das persoas con enfermidade mental non só é posible, senón que tamén é moi beneficiosa.
O usuario, que leva tres anos traballando na mesma empresa, explicou como a través da intermediación de FEAFES Galicia tivo a oportunidade de realizar unha entrevista de traballo despois da cal resultou seleccionado.
Falou dos seus comezos, da adaptación ó posto, da volta a unha rutina organizada e da adquisición de independencia económica. O usuario contou como todo isto supuxo unha mellora na súa calidade de vida e aportoulle estabilidade emocional, compartindo tamén as situacións difíciles coas que se atopou polo camiño e como conseguiu xestionalas. Falou, ademais, do manexo da tensión e o estrés no entorno laboral.
Os usuarios que acudiron como oíntes tamén participaron na charla facendo preguntas, plantexándolle situacións nas que eles atoparon dificultades que non souberon xestionar e pedindo consellos para resolvelas en futuras situacións.
Esta posta en común de experiencias e intercambio de opinións foi posible grazas ó traballo da Axente de Emprego, que ó longo do ano organiza múltiples accións formativas, de asesoramento e de intermediación encamiñadas a favorecer o acceso ó mercado laboral de persoas con enfermidade mental.
Como colofón a esta charla, os participantes organizaron unha reunión final, de carácter máis informal, para aportar opinións, intercambiar experiencias e establecer relacións entre os membros do grupo.