Skip to main content
O pasado xoves 23 de febreiro, os asesores xurídicos de FEAFES Galicia desprazáronse ata Lugo para impartir unha sesión formativa na delegación lucense da entidade. Ao redor de 40 usuarios e familiares déronse cita para aprender e conversar sobre diversos temas xurídicos relacionados coa saúde mental.
Por unha banda, presentouse o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia para que os asistentes coñezan as facilidades que poden obter a través del. A continuación abordáronse unha serie de temas como as incapacitacións ou o internamento, falando tamén da tutela, a curatela e as reclamacións que poden facer as persoas con enfermidade mental ou os seus familiares ante a Administración.
Os avogados de FEAFES Galicia explicaron, así mesmo, os distintos tipos de pensións dos que se poden beneficiar os usuarios da entidade: por incapacidade permanente, por viuvez, por orfandade, a RISGA, a RAI, etc. A charla recibiu unha gran acollida e espertou un gran interese por parte de todos os asistentes.
A través de accións formativas como esta, o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia pretende achegar ás delegacións e asociacións federadas, así como a outros organismos ou entidades interesadas, aquelas cuestións legais relacionadas coa saúde mental que os usuarios e familiares deben ter en conta á hora de abordar determinadas situacións. 
Se algunha entidade ou organismo está interesado en solicitar unha charla sobre estes temas, pode poñerse en contacto co Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia chamando ao 981 554 395 ext. 1021 ou escribindo a asesor.xuridico@feafesgalicia.org.