A nosa asociación Fonte da Virxe xestiona un grupo de apoio mutuo entre familias en Santiago de Compostela.
Unha gran parte dos coidados que precisa unha persoa con problemas de saúde mental recae nas familias, especialmente nas nais. Pero estas non sempre reciben o apoio e a atención que precisan.
Conscientes de todo isto, comezamos co proxecto Apoio e soporte integral para familias. Unha iniciativa que busca dotar de ferramentas e redes de apoio a 200 familiares e persoas achegadas de persoas con problemas de saúde mental.
Dentro deste programa, a asociación Fonte da Virxe puxo en marcha un grupo de apoio mutuo entre familias que se reúne o último mércores de cada mes. Tamara Vedo, traballadora social, e Sara Gallego, psicóloga; son as dúas profesionais que acompañan e dinamizan este grupo ao que acoden sobre todo nais. Un dato que, segundo Tamara, non é casualidade. “Os roles de xénero seguen pesando moito na actualidade” asegura e continúa: “Ao grupo chegan nais que compaxinan os seus traballos co coidado da familia, o que supón unha sobrecarga maior para elas”.
Tamara tamén sinala que a ausencia de pais neste grupo non se debe soamente a que os coidados recaian maioritariamente sobre elas, senón tamén a que a eles cústalles máis pedir axuda. “Expoñer as emocións é complexo en ambos xéneros pero, se cadra, máis para os homes”, comenta. “Sabemos que agora hai máis pais involucrados nos coidados das crianzas, pero aínda falta que eses pais cheguen a nós”.
“Atopámonos de súpeto coa enfermidade, non se che ocorre que iso poda pasar”
Convivir cunha persoa cun problema de saúde mental presenta moitos retos no día a día. Na maioría dos casos, o problema de saúde chega de pronto, sen esperalo, e as familias atópanse con dúbidas e necesitadas dun apoio que non sempre reciben.
“O primeiro momento é crucial. Non sabes que facer, a onde acudir, con quen falar”, explica Remedios, unha das nais que participan no grupo. Cando o seu fillo tivo o primeiro brote, botou en falta que alguén os orientase e os acompañase no proceso. “Atopámonos de súpeto coa enfermidade e non sabiamos a quen acudir. Deberíamos ter a posibilidade de que a sanidade pública nos atenda e nos oriente nestes casos”.
Mª del Carmen, outra das nais do programa, cóntanos que tiveron que acudir a unha consulta privada: “Non houbo forma de contactar cun psicólogo ou psicóloga da seguridade social, así que finalmente fomos a un privado. Pero non sempre te podes permitir pagalo”.
“A realidade é que as familias están bastante abandonadas polo sistema”, afirma Tamara. Sinala que os apoios que reciben son moi poucos en comparación co que precisan: “A realidade é que moitas persoas que teñen un problema de saúde mental viven coas súas familias. Pero as familias non se atenden, necesitan máis apoio psicolóxico”, sinala.
Un lugar onde sentirse comprendidas
Ademais das dificultades para recibir atención profesional, as nais tamén se senten incomprendidas e sinaladas.
“Coa familia non podes falar destas cousas”, afirma Mª del Carmen, “insinúan que tes algo de culpa por non facer máis, por non evitalo”.
“
Eu non estiven acompañada en ningún momento”, conta Isabel, outra das nais do grupo. E continúa: “Non tiven ningún apoio ao redor, nin de familiares nin de amizades, polo que tamén te desborda máis”. Sinala que hai moito estigma ao redor das enfermidades mentais e que por iso é tan difícil falar disto con outras persoas: “A xente non se quere involucrar. Cambian de tema. Pero que unha persoa teña un problema de saúde mental non significa que non poida saír á rúa ou que teña que estar illada”.
As tres afirman que participar neste grupo foi de gran axuda: “Entre nós non nos sentimos atacadas, non nos botamos culpas. Apoiámonos e desafogamos”, afirma Mª del Carmen. Remedios explica que no grupo comparten experiencias e consellos e que poden reflexionar entre todas. “Axudoume a permitirme expresarme e emocionarme máis, a permitirme abrir”, asegura. Pola súa banda, Isabel cóntanos que para ela foi un alivio: “Cando cheguei a ese grupo de mulleres que estaban na mesma situación, coas mesmas preocupacións, co mesmo sentimento de culpa, cos mesmos problemas do día a día, dixen: aquí estou cómoda, estou ben”.
Tamara, que as acompaña nas reunións, asegura que o grupo é beneficioso aínda que, en ocasións, “toca en ferida”. Explica que alí se falan temas persoais que doen ou incomodan. Asegura ademais que a experiencia é enriquecedora a moitos niveis. Non só como terapia e acompañamento no proceso que lles toca vivir, senón tamén como “un espazo compartido entre mulleres no que poñer en valor o feito de ser muller máis alá de ser nai”.
Podes coñecer máis sobre o grupo nesta entrevista a Tamara Vado
Apoio e soporte integral para as familias
Actualmente, o programa “Apoio e soporte integral” é levado a cabo polas asociacións A Creba, Alba, Alume, Andaina, APEM, Avelaíña, DOA, Fonte da Virxe, Lenda e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
Trátase dunha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
O proxecto busca mellorar as habilidades e competencias das familias e persoas achegadas para facer fronte ás situacións difíciles que poidan aparecer na convivencia diaria. No marco do programa, analizamos as necesidades específicas de cada persoa usuaria e marcamos un itinerario de intervención adecuado a esas necesidades. Para iso, establecemos unha coordinación coa familia, as persoas achegadas e os equipos profesionais e recursos dispoñibles na súa contorna.
Esta iniciativa representa un apoio fundamental para as familias que sustentan un dos principais piares de atención e coidado das persoas con problemas de saúde mental.
—
O programa Atención e apoio integral é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

