É moi propio da época estival celebrar feiras e romarías en diversas localidades de Galicia, e como non, as asociacións de FEAFES Galicia non deixan pasar a oportunidade de darse a coñecer e poñer á venda os seus produtos nestes eventos. Velaquí algunhas das festas nas que puidestes atopar unha mostra do traballo que realizan os usuarios das nosas asociacións:
Do 24 ao 26 de xullo, Apem participou na Feira Medieval de Corcubión, un mercado que ademais dos postos de artesanía contou con espectáculos de rúa, actuacións e moita ambientación de época. Membros da asociación rexentaron un posto que contiña todo tipo de produtos manuais elaborados polos seus usuarios nos diversos obradoiros cos que conta a entidade.
Por outra banda, nesas mesmas datas, A Creba participou na Feira Celta de Porto do Son, festa que tivo no seu epicentro un mercado de produtos variados formado por case un cento de postos. En torno a este gran bazar sucedéronse unha chea de actividades de animación na rúa de carácter musical, teatral e circense.
A ruta de A Creba polas festas galegas non comezou aí, pois a asociación estivo tamén na Feira Labrega e Artesán de Rianxo o 17 de xullo, na Feira Medieval de Noia do 17 ao 19 de xullo e no Jran Basar Jallejo de Artesanía da festa da Dorna en Ribeira o 19 do mesmo mes. E para completar a axenda, o sábado 1 de agosto A Creba estará nos Foros Ecolóxicos de San Roquiño no Concello de Lousame, o domingo 2 darase cita na Feira do Leite de Porto do Son, e do 1 ao 15 de agosto estarán no Mercado Solidario de Noia.
Andaina tampouco quedou na casa xa que estivo na IV Feira da Sidra en A Estrada, onde acadou unha gran aceptación e moi boas críticas pola sidra artesanal que preparan os seus membros. Trátase dun produto elaborado con mazás 100% galegas e realizado no taller de inserción laboral co que conta a asociación.
E se o que queres é coñecer os traballos feitos a man nos diferentes centros cos que conta a asociación A Mariña en Burela, Ribadeo e Cervo, aínda estás a tempo de observalos na Fortaleza de Tovar en Vilanova de Lorenzá. Trátase dunha exposición que se poderá visitar ata o 6 de agosto, non deixes pasar a oportunidade!