Skip to main content
Achégase o 10 de outubro e as entidades membro de FEAFES Galicia ultiman os detalles das actividades organizadas a propósito do Día Mundial da Saúde Mental. Exposicións, charlas, visitas, espectáculos… coñece que hai previsto para este ano! 

A Creba (Noia e Ribeira)

O 10 de outubro instalarán mesas
informativas nos concellos de Noia, Ribeira e Porto do Son. Nelas, continuarán
a facer fotos para a súa campaña “Un polgar pola saúde mental” e entregarán o manifestó
do Día Mundial da Saúde Mental, así como folletos informativos da entidade. O
venres 14 de outubro, pola súa banda, celebrarase o I Encontro Olímpico no Pavillón
Polideportivo Municipal de Noia, no que participarán as asociacións Amicos,
Ämbar, Integro, Adisbismur, Misela e A Creba.

Alume (Lugo)

A asociación lucense Alume aproveitará o Día Mundial da Saúde Mental para celebrar, o luns 10 de outubro, o acto de inauguración da súa nova sede e do seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, sito na Rúa Coelleira, barrio de Montirón. O evento tenrá lugar ás 12:00 da mañá.

Afaes Porta Nova (Narón)

O luns 10 de outubro inaugurarase a exposición de cadros do pintor Andrés Bouzón Lorenzo na Galería Sargadelos de Ferrol, aberta ata o sábado 15 de outubro. O martes 11, Afaes celebrará unha festa de Magosto cos usuarios da asociación. O xoves 13, pola súa banda, terá lugar a charla “Os aspectos legais e as persoas con enfermidade mental” a cargo dos Asesores Xurídicos de FEAFES Galicia, que se celebrará ás 17:15 nas instalacións das asociacións. 
O venres 14 instalarase unha mesa informativa sobre saúde mental no hall do CHUF Arquitecto Macide. E o domingo 16, Afaes culminará a súa celebración do Día Mundial da Saúde Mental coa I Carreira-Andaina Solidaria pola Saúde Mental que terá lugar en Narón e da que poderedes saber máis aquí

Apem (A Coruña, Betanzos e Vimianzo)

O 5 de outubro ás 11:00, haberá unha representación de teatro social a cargo do grupo “Lusco e Fusco” no Museo de Arte Contemporáneo de A Coruña para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental.  O 9 de outubro, realizaráse en Betanzos a “III Andaina Solidaria Hoxe camiñamos por…”a favor de Apem, coa que se pretende involucrar a toda a comunidade para visibilizar a importancia dunha boa saúde mental. Apem terá unha mesa informativa ó longo da mañá e contará coa presenza de Antonio Tizón, que fará unha lectura pública dunha das súas obras. O 22 de outubro ás 22:00, Vimianzo acollerá unha Cea Solidaria no Restaurante Pastoriza que estará cargada de sorpresas, ilusións e motivación. 

Avelaíña (Ponteareas e Cañiza)

O 10 de outubro, a asociación Avelaíña instalará unha mesa informativa no exterior do Auditorio Municipal de Ponteareas de 17:00 a 20:00, onde terá lugar a actividade “Mira a través do espello” e a lectura do manifesto do Día Mundial da Saúde Mental. Unha vez rematada esta actividade, ás 20:00 celebrarase unha charla-coloquio sobre saúde mental no auditorio municipal, no que intervirán José Manuel Olivares, Xefe de Psiquiatría da Área Sanitaria de Vigo, e Xosé María Regueiro, membro da Xunta Directiva de Avelaíña.
O 11 de outubro, pola súa banda, instalarase unha mesa informativa sobre saúde mental de 11:00 a 13:00 no Centro de Saúde de Cañiza.

A Mariña (Burela e Ribadeo)

O 3 de outubro inciará a campaña do Día Mundial da Saúde Mental coa actividade “Mira a través do espello: son coma ti pese a que aínda non o saibas”, na que poderá participar calquera persoa que o desexe. O 4 de outubro ás 15:30, terá lugar un partido de fútbol sala a prol da saúde mental no Pavillón Vista Alegre, no que participarán persoas con enfermidade mental, profesionais e amigos colaboradores da asociación. O 5 de outubro, A Mariña repetirá a actividade “Mira a través do espello” por distintas localidades da comarca, e o 6 de outubro, realizarase unha xornada formativa sobre calidade para profesionais de A Mariña, baixo o nome “Seguiremos traballando pola mellora contínua”. 
O 8 de outubro ás 18:00 haberá unha andaina dende a Unidade Residencial de Cervo ata Sargadelos polo paseo dos namorados, cargados de libros sobre saúde mental como símbolo de información e coñecemento. O 9 de outubro ás 19:30, no “Castelo de Copa” en Cervo, inaugurarase unha exposición de pintura ao óleo de dous recoñecidos artistas que queren mostrar á sociedade a súa valía. O 10 de outubro, A Mariña desprazarase ata Lugo para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental no salón de actos da Deputación, coa lectura dun manifesto, as intervencións de distintas autoridades e a presentación da revista Agarimo. Finalmente, o 11 de outubro realizarase unha xornada de portas abertas en todos os centros cos que conta a asociación.

Doa (Vigo e Cangas)

O luns 3 de outubro, a asociación Doa arrincará coa xa histórica Expocapela. Nesta ocasión, baixo o título Sinerxias, exporanse obras infográficas do colectivo Pániko conxuntamente con outras obras de artistas noveles de Cangas. A entrada é libre e a exposición poderá verse do 4 ó 9 de outubro de 10:30 a 13:30, e do 4 ó 7 tamén de 16:00 a 18:30.
O 7 de outubro, pola súa banda, Doa porá en marcha a campaña “Ideas de-mentes” no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo en horario de mañá. O 10 de outubro ás 17:30 terá lugar a lectura do manifesto do Día Mundial da Saúde Mental e o concerto do grupo de saxos do Conservatorio Mayeusis no Auditorio Municipal de Vigo.  Finalmente, o 11 de outubro, de 12:00 a 21:00 poderase ver a exposición Arteco (Arte Terapia e Costura) de obras realizadas polos usuarios de Doa no Urban Marker.

Fonte da Virxe (Santiago)

A Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos das Persoas con Enfermidade Mental, realizará unha representación musical a cargo do grupo de musicoterapia, para despois dar paso a un encontro con todos os asistentes ao evento. Esta actividade terá lugar o día 10 de outubro ás 17:30 no Centro de Rehabilitación da asociación, sito na rúa Campo do Forno nº 1.