Skip to main content

Un total de 45 usuarios e 8 monitores pertencentes ás asociacións Lenda, Doa, A Mariña, Andaina, Albores, Apem, Alume e Portanova disfrutarán dunha entretida viaxe de dous días a León. Do 16 ó 18 de xuño estarán aloxados no “Bosque dos Soños”, un albergue turístico con cabanas de madeira situado no centro da comarca do Bierzo.

Dende alí, realizarán diversas excursións como a visita a Molinaseca, un pobo declarado Ben de Interese Cultural composto por pequenas casas de pedra que aínda conservan o seu aspecto medieval. Cunha gran tradición no Camiño Francés, esta localidade conta cun gran atractivo para peregrinos e visitantes que poden admirar o río Meruelo, a Calle Real ou o Santuario de Nosa Señora das Angustias.  

A viaxe tamén contempla unha excursión a Ponferrada, onde os usuarios poderán visitar o Castelo Templario, o Museo da Radio ou o Museo da Enerxía, ademais de pasear polo casco histórico ou comer de picnic no parque do Plantio.

O último día, para rematar a viaxe por todo o alto, os nosos usuarios realizarán unha visita guiada de dous horas polas Médulas para admirar as peculiares colinas avermelladas cubertas de vexetación verde, formadas tras o corremento de terras que provocaron os romanos para extraer o ouro da zona. 

Esta viaxe está organizada polo Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, co obxectivo de que os usuarios das asociacións coñezan novos lugares e xente a través de actividades lúdicas e de lecer. Mediante a práctica dun ocio saudable e normalizado, as persoas con enfermidade mental poden mellorar a súa calidade de vida e os seus familiares teñen a oportunidade de gozar dun tempo de descanso na súa tarefa de coidadores. 

viaje bosque sueños (2).jpg     viaje bosque sueños (1).jpg