Tras a Validación no Congreso o pasado xoves do Real Decreto “Lei de Medidas Urxentes para Garantir a Sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde”, a Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES) quere mostrar a súa preocupación de que esta norma reduza gravemente a calidade na atención en saúde mental, vulnere dereitos das persoas con discapacidade, e se abandone o carácter público e o principio de universalidade vixente ata o momento.
Por iso, o movemento asociativo de persoas con enfermidade mental e familiares reunidos na Confederación FEAFES quere expresar os seguintes puntos:
– O sistema de atención en saúde mental é aínda claramente insuficiente, polo que é necesario completar e aumentar os servizos que se prestan a través dos distintos recursos, principalmente das Unidades de Saúde Mental. As actuacións das Administracións Publicas deben dirixirse ao desenvolvemento e mellora desta rede de servizos, non á súa redución ou deterioración.
– A aplicación da nova normativa do Sistema Nacional de Saúde supón unha ruptura do carácter público e do principio de universalidade. Así, preocupa que a nova normativa prexudique economicamente a través do “copagamento” de medicamentos, ás persoas con enfermidades crónicas, como é o caso de moitos trastornos mentais.
– Para as persoas con enfermidade mental e as súas familias resulta moi preocupante a posibilidade de que boa parte do noso colectivo quede fóra das condicións de “asegurado”, ao non cumprir os requisitos que establece a nova normativa. Miles de persoas con trastorno mental verían así vulnerado o seu dereito constitucional á saúde.
– Ademais, FEAFES teme que a devandita reforma prexudique especialmente ás persoas sen fogar e aos inmigrantes irregulares. En xeral, as persoas con trastorno mental que pertencen a estes colectivos excluídos están sen diagnosticar. Os requisitos de documentación para atenderlles só provocarán un maior illamento e deterioración dunhas persoas que xa se encontran nunha situación moi vulnerable.
– En todos os ámbitos, pero particularmente no da saúde mental, o feito de limitar a atención a calquera grupo social ás urxencias hospitalarias é sinxelamente optar pola vía menos eficaz para abordar estes trastornos, cos problemas persoais e sociais que esta actuación levaría consigo.
– A Confederación FEAFES afirma que a atención en saúde mental de calidade, con apoios continuados no ámbito comunitario pode supoñer, ademais da mellora dos tratamentos, un aforro importante no gasto público, posto que a medio prazo reduce tres das partidas máis custosas: os ingresos hospitalarios, os servizos de urxencias e a compra de fármacos.
– Por todo o anterior, o movemento asociativo FEAFES quere trasmitir ao conxunto das Administracións Públicas que está disposta a colaborar en todo aquilo que supoña a busca dunha maior eficacia no gasto socio-sanitario, sen que isto afecte a calidade dos servizos que se prestan. No caso contrario, FEAFES adianta o seu rexeitamento frontal a que os recortes presupostarios prexudiquen a atención en saúde mental e supoñan a vulneración de dereitos fundamentais das persoas con enfermidade mental e as súas familias.