Skip to main content
En Marea e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) suman forzas para que as diversas problemáticas que afectan ao día a día da cidadanía con diversidade funcional teñan un maior protagonismo no Parlamento de Galicia. Logo dunha xornada de traballo na que os distintos colectivos integrados nesa plataforma expuxeron os seus puntos de vista e experiencias aos deputados da formación, En Marea levará á Cámara unha serie de medidas, entre as que destaca a creación dunha Comisión Permanente centrada nesta temática. 
ONCE Galicia, FADEMGA Plena Inclusión, COGAMI, FAXPG, Saúde Mental FEAFES Galicia, Down Galicia, Autismo Galicia, FEGADACE, FAGAL e ASPACE Galicia foron os colectivos que participaron na xornada de traballo impulsada por CERMI. Nesta, marcáronse os principais puntos que En Marea defenderá no Parlamento de Galicia para conseguir unha representación mellor dos intereses e da representación das persoas con discapacidade.
Entre as conclusións obtidas no debate, sinalouse a necesidade dunha integración da atención sociosanitaria, en lugar da actual compartimentación. Neste mesmo sentido tamén se resaltou que se están a producir situacións “intolerables” en casos como a atención de saúde mental que “precisa máis recursos e que non se produzan casos como os rexistrados no hospital de Conxo”. Desde os colectivos e desde En Marea se reclama a posta en marcha dun Plan integral de atención estratéxica á saúde mental.
En Marea considera que a atención sanitaria é un dereito e, polo tanto, non pode sufrir problemas na súa prestación, problemas que padecen habitualmente as persoas con discapacidade. “É necesario un concerto social que favoreza a atención e o acceso á mesma e tamén é necesaria a eliminación do copago, que supón unha barreira económica”. Isto está encamiñado a conseguir unha accesibilidade universal en Galicia. Deste xeito, é necesario que os servizos se presten de maneira integral e universal en todo o país, especialmente nos zonas rurais que teñen un déficit aínda maior destes servizos”.
Outras liñas de traballo para En Marea será a atención temperá de maneira que está se estenda a todo o país. Como primeiro paso, sería necesario acabar coa falta de persoal das equipas de valoración que ten provocado un retraso estrutural na avaliación que non se vai solucionar, como pretende a Xunta, coa contratación de equipos para seis meses.
Os representantes de CERMI tamén destacaron a necesidade de acadar melloras no eido da formación e o emprego. “Hai que continuar traballando para eliminar as barreiras mentais que aínda existen por descoñecemento, reticencias e rexeitamento” explicou o presidente do comité, que pediu a colaboración de En Marea para facilitar dende o Parlamento de Galicia o acceso e a promoción laboral das persoas con diversidade funcional. En Galicia, unha persoa traballadora con discapacidade gana 3.500 euros anuais menos que o salario bruto anual medio no país.
Vía En Marea.