Skip to main content
As rigorosas medidas de austeridade adoptadas polo goberno español tiveron un impacto devastador nalgunhas das persoas economicamente máis vulnerables e marxinadas da sociedade, provocaron listas de espera insoportablemente longas e obrigaron a pacientes a  racionar a súa medicación para aforrar custos. Así o manifestou Amnistía Internacional nun novo informe titulado “A receita equivocada: O impacto das medidas de austeridade no dereito á saúde en España”.
Neste informe, a organización expón os riscos en materia de dereitos humanos asociados á austeridade. O estudo conclúe que o goberno español aplicou medidas de austeridade dunha maneira que non era conforme coas súas obrigacións en materia de dereitos humanos.
“As persoas máis vulnerables pagan o prezo dunhas medidas de austeridade que fixeron que a atención sanitaria de calidade sexa menos accesible e máis cara. O afán do goberno español por recortar custos deteriorou a vida tanto dos e as pacientes como do persoal sanitario”, manifestou Sanhita Ambast, investigadora de Amnistía Internacional sobre Saúde.
O goberno español empezou a recortar o gasto en atención sanitaria en 2009, tras a crise económica mundial. As medidas de austeridade —en especial as introducidas mediante o Real Decreto Lei 16/2012 ( RDL 16/2012)— incluían trasladar o custo de determinados produtos a usuarios e usuarias, limitar a atención sanitaria a disposición das persoas migrantes en situación irregular, e recortar o gasto en persoal sanitario, material e infraestrutura.
Amnistía Internacional falou con 243 persoas en Andalucía e Galicia, entre elas persoas vinculadas a FEAFES Galicia. Contaron con testemuños de persoas usuarias do Sistema Nacional de Saúde (SNS), persoal sanitario e persoas expertas en saúde pública. No informe, a organización destaca o desproporcionado impacto que as medidas de austeridade implantadas no sistema sanitario público español tiveron sobre as persoas con ingresos máis baixos, especialmente as que sofren enfermidades crónicas, as persoas con discapacidade e as persoas que reciben atención de saúde mental.
Para ver o informe completo, picar aquí.