Skip to main content

EAPN Galicia (a Rede Galega de Loita Contra a Pobreza) e as 125 entidades que a integran (entre as que se atopa FEAFES Galicia) presentaron esta mañá a campaña “Elección de lideres para unha Europa Social. Libre de pobreza, exclusión social e desigualdades” con motivo das eleccións europeas do vindeiro 25 de Maio. 

Trátase dunha iniciativa que se realiza tamén a nivel estatal e europeo coa que se pretende animar á cidadanía a exercer o seu dereito a voto. Tal e como lembra o  presidente de EAPN Galicia, David Silva, “o 80% das decisións que nos afectan proceden de Europa, así que, se queremos unha Europa que defenda o modelo social, a igualdade, a erradicación da pobreza e a defensa dos nosos dereitos, teremos que votar e reivindicar o que queremos”

Neste senso, Silva apunta que “é máis necesario que nunca situar no centro da axenda política a loita contra a pobreza e a desigualdade, porque en Galicia son máis de 653.000 as persoas que viven en risco de pobreza ou exclusión social. Por moito que se fale de recuperación económica, a cidadanía non percibe síntomas de mellora e aínda vai tardar moito en aprecialos”.

EAPN Galicia, xunto a outras organizacións de toda Europa, proponlle aos candidatos dos diferentes partidos políticos un decálogo de medidas no que se asegure a defensa dos dereitos sociais e no que a loita contra a pobreza, a exclusión social, a desigualdade e a discriminación se sitúe no centro da axenda política. Este decálogo esixe: 

  • – Que se establezan mecanismos de control para comprobar se realmente se executan políticas transversais e directas para a redución da pobreza. 
  • – Que existan directivas sobre rendas mínimas, prestacións por fillo/a menor de idade, imposición ás transaccións financeiras, pobreza enerxética ou de prohibición do lucro na prestación de servizos sociais.
  • – Que se realice unha audiencia anual de persoas en situación de pobreza e exclusión social no Parlamento Europeo.

 

EN GALICIA RECLAMAMOS QUE SE CUMPLA A NORMATIVA

Para o presidente de EAPN Galicia, a Unión Europea proporciona instrumentos para acadar estes obxectivos. “Para este período 2014-2020, Galicia recibirá de xeito directo 2.101 millóns de euros procedentes dos distintos fondos, aos que haberá que engadir o que reciba a través do Estado.  Agora tócalle a cada goberno executar as ferramentas necesarias para logralo en materia de loita contra a pobreza e a exclusión social, algo que non sempre se fai”. 

En concreto, EAPN Galicia reclama que se cumpra a normativa que establece que do Fondo Social Europeo, o estado español destine un 20% a medidas para a erradicación da pobreza e da exclusión social. “Estamos a falar de porcentaxes, si, pero en cartos, para este período 2014-2020 máis de 241 millóns de euros como mínimo deben e teñen que destinarse a reducir as taxas de pobreza, de exclusión, de desigualdade, etc. de xeito eficaz e eficiente”, destacou David Silva. 

O presidente de EAPN Galicia reiterou a idea e a importancia de saber a que se destinan eses cartos. Por iso, a entidade demanda unha transparencia exhaustiva e a participación de EAPN Galicia, como representante das entidades do terceiro sector de acción social, na planificación, coordinación e seguimento dos Fondos Europeos. 

Silva engadiu que estas reclamacións van ser trasladadas, xunto a outras 72 propostas, aos candidatos dos partidos políticos cos que se van reunir nas vindeiras semanas. “As entidades do terceiro sector de acción social imos tentar controlar que ese 20% do Fondo Social Europeo, dos FEDER e dos FEADER se destinen á loita contra a pobreza e a exclusión social porque cremos que é de xustiza e porque temos a Bruxelas da nosa parte nesta iniciativa”. 

eleccions europeas.jpg