O pasado 22 de decembro presentouse no Museo Etnográfico de Estremadura o Informe de Olivenza 2014, elaborado polo Observatorio Estatal de Discapacidade (OED). O documento mostra unha medición estable e sistemática dos niveis de inclusión social das persoas con discapacidade en relación ós da poboación xeral, unha panorámica da situación do colectivo en España. A conclusión dos datos é que as persoas con discapacidade están moi lonxe de estar plenamente integradas, xa que a gran maioría están excluídas de algunha maneira nos eidos económicos, sociais ou mesmamente en asuntos relacionados cos seus dereitos.
A enorme diferenza entre a taxa de actividade laboral e os niveis de pobreza fan que as persoas con discapacidade teñan unha desvantaxe de case un 33% de puntos en relación á poboación sen discapacidade. Un 32% do colectivo está en risco de pobreza (5 puntos máis que a poboación xeral) e o 14,7% vive en pobreza severa (fronte só un 9,6%). Por outra parte a diferenza en canto á taxa laboral e ós salarios son enormes. Neste último punto hai brechas de ata 2.5000 euros no salario medio entre as persoas sen discapacidade e as que si a teñen, que se acentúa moito máis en función de sexo e idade.
Ademais non só hai unha clara presenza de exclusión económica senón tamén social. O informe mostra enormes diferenzas en asuntos como dereitos fundamentais e educación. Por exemplo: só o 6,7% das persoas con discapacidade ten estudios superiores, mentres que a poboación xeral chega ó 21%.
Pero onde máis exclusión se encontran as persoas con discapacidades é no eido social. Un 21,5% recoñece que non ten (ou ten moi poucos) amigos, e un 91% encontra dificultades para realizar actividades culturais, deportivas ou recreativas.
O informe fai un apartado especial para as mulleres do colectivo xa que elas sofren unha extraordinaria discriminación presentando niveis de pobreza superiores ós dos varóns e por dispor de menos recursos de apoio.
Podes ver o documento completo do Informe Olivenza 2014 neste enlace.