Skip to main content
Novas

As persoas con enfermidade mental e os seus familiares, satisfeitos polo peche de Toén

By 13 de Xaneiro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) quere mostrar a súa gran satisfacción polo traslado a Piñor de pacientes das unidades de Rehabilitación Psiquiátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que aínda quedan no centro de Toén. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, fixo o anuncio recemente e o cambio comezará o vindeiro luns.

A presidenta da Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental ‘Morea’ de Ourense, Ángeles Fernández, asegura que recibiron a noticia con “gran alegría”, xa que está e unha demanda que o colectivo, así como os profesionais sanitarios, viñan realizando dende “hai moitos anos” para mellorar a calidade de vida dos 50 pacientes deste hospital.

O centro psiquiátrico de Toén, inaugurado en 1959, presenta actualmente un estado pouco axeitado para a atención ás persoas con enfermidade mental, o que provocou numerosas queixas por parte de pacientes, familiares e profesionais. “Son edificios obsoletos e antiguos”, explica a presidenta de Morea, que engade que dende hai tempo non se realizou ninguna inversión para a mellora das infraestruturas.

Por outro lado, este traslado suporá unha gran mellora da calidade de vida dos pacientes da área de saúde mental. Segundo Ángeles Fernández, as persoas que están a recibir tratamento pasarán dun entorno “inhóspito” a unhas instalacións “novas e máis agradables”.

Isto conleva unha mellora na imaxe que a sociedade ten das persoas con enfermidade mental. O centro psiquiátrico de Toén é un lugar aíllado no monte e moi estigmatizado e, de agora en diante, este tipo de pacientes pasan a estar integrados co resto da atención sanitaria. “Lógrase a integración social e a sensibilización por parte da sociedade”, asegura Fernández.

Así mesmo, este novo emprazamento supón unha maior comodidade para as familias dos pacientes ingresados. O hospital de Toén está situado nunha zona alonxada ata a que só viaxe un autobús ao día, mentres que en Piñor disponen de transporte urbano que circula durante todo o día.

Tras verse cumplida esta demanda, a presidenta de Morea asegura que a atención sanitaria á saúde mental en Ourense está cuberta. Con todo, queda traballo por facer “na área social e de emprego”.

Na súa orixe, o centro de Toén foi construido coa idea de albergar unha leprosería pero, finalmente, foi inaugurado en 1959 como hospital psquiátrico baixo a dirección do doutor Manuel Cabaleiro Goás. Nos inicios foi un importante complexo que acolleu a numerosos profesionais pero co paso dos anos as instalacións foron decaíndo ata o punto e que actualmente varios pavillóns están completamente abandonados.