Tras o fallo do xurado do I Concurso de Fotografía “Máis alá do confinamento”, organizado polo Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, as persoas galardoadas recibiron os seus premios consistentes nun trofeo elaborado no obradoiro Kerámicos. Ademais, a gañadora do primeiro premio recibiu tamén a súa fotografía impresa e enmarcada.
Dadas as restricións impostas pola situación de alarma derivada da COVID-19, non foi posible realizar unha entrega de premios presencial ao uso. Non obstante, cada unha das persoas galardoadas achegouse á oficina de Saúde Mental FEAFES Galicia da súa localidade para recoller o premio da man dos membros do Comité ou do persoal técnico da entidade.
Deste xeito, a gañadora do primeiro premio, Yolanda Castro de Lugo, recibiu o galardón da man de Juan Ramón Martínez, voceiro do Comité en Primeira Persoa. O gañador do segundo premio, Manuel Botana de Santiago de Compostela, recibiu o seu galardón da man de Isabel Quintairos, membro do Comité en Primeira Persoa.
A terceira gañadora, Antonia Fernández de Monforte de Lemos, recibiu o seu galardón no seu domicilio ao non dispor de ningunha oficina da federación na súa localidade. Finalmente, o premio accésit foi entregado a Belén de la Paz por parte do persoal técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo.
Os trofeos entregados foron realizados en Kerámicos, o obradoiro de cerámica da asociación APEM que elabora pezas artesanais dende 1998. Neste taller lévanse a cabo actividades ocupacionais que permiten ás persoas empregadas con problemas de saúde mental adquirir competencias profesionais que favorezan a súa integración sociolaboral.
O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia quere agradecer enormemente a participación de todas as persoas que participaron no concurso, así como a calidade das propostas presentadas.
