Skip to main content
Tras o fallo do xurado do II Concurso de Fotografía “Deixádevos de lerias: traballo en igualdade”, organizado polo Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, as persoas galardoadas recibiron os seus premios consistentes nun trofeo elaborado no obradoiro Kerámicos. Ademais, o gañador do primeiro premio recibiu tamén a súa fotografía enmarcada e un trípode para seguir potenciando a súa faceta fotográfica.
Coa fin de garantir as medidas de seguridade no marco da COVID-19, cada unha das persoas galardoadas recibiu o trofeo na súa asociación. Deste xeito, o gañador do primeiro premio, Manuel López, e a gañadora do segundo premio, Victoria Sueiro, tomaron os seus galardóns en APEM Betanzos da man de José Mauriz, membro do Comité en Primeira Persoa. O gañador do terceiro premio, Alberto Valín, recibiu o seu galardón en Alume Lugo da man de Margarita Díaz, compoñente do Comité en Primeira Persoa. 
Os trofeos entregados foron realizados en Kerámicos, o obradoiro de cerámica da asociación APEM que elabora pezas artesanais dende 1998. Neste taller lévanse a cabo actividades ocupacionais que permiten ás persoas empregadas con problemas de saúde mental adquirir competencias profesionais que favorezan a súa integración sociolaboral.  
O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia quere agradecer enormemente a contribución de todas as persoas que participaron no concurso, así como a calidade das propostas presentadas e o traballo de reflexión amosado tras as mesmas.