Skip to main content

Galicia ten unha
taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media
nacional que é do 7,79%, e por encima do 11,93% europeo, segundo a Memoria 2020
do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Unha realidade da que
apenas se fala porque aínda se considera tabú na sociedade actual.

Traballar na
sensibilización e prevención é unha necesidade que se vén demandando para poder
afrontar o preocupante incremento de suicidios na nosa comunidade.

Andaina,
asociación que forma parte de Saúde Mental FEAFES Galicia, conta cun programa
específico de prevención de suicidio que se desenvolve na comarca de Ordes
desde o 2020 e na comarca de Ulla-Sar desde 2021. Este programa pretende abrir
o debate en torno a un problema que ven incidindo notablemente na comunidade,
así como ofrecer acompañamento e ferramentas aos profesionais e persoas
vulnerables ou achegadas para abordar este problema.

O proxecto estrutúrase
en tres liñas de acción: formación a profesionais do ámbito socio-sanitario,
intervención con persoas e grupos vulnerables: e información e sensibilización
social sobre a prevención da conducta suicida.

Dentro desta
última liña, Andaina leva a cabo diferentes accións na comunidade co obxectivo
de dar difusión ás actuacións do programa e de camiñar cara a redución do
estigma social e cultural asociado ao suicidio.

Unha desas
accións consiste en organizar puntos de lectura permanentes sobre o suicidio en
colaboración coas bibliotecas municipais da Comarca de Ordes e Ulla-Sar. Estes
puntos de lectura están dotados cun mínimo de 5 títulos de obras que abordan a
temática de forma específica, material de difusión do programa e información e
recomendacións para a prevención do suicidio.

Co fin de
dinamizar estes puntos, desenvólvense obradoiros de lectura para persoas
adultas onde se comentan fragmentos destas obras e outras que se consideren. O
obxectivo é contribuír a desmitificar a conducta suicida e crear espazos de
discusión que faciliten a comunicación das persoas e familias que se poidan ver
afectadas.

Neste 2022, as
bibliotecas colaboradoras con esta iniciativa da Asociación Andaina son as
Bibliotecas Municipais de Ordes, Oroso, Dodro e Padrón. Os puntos de lectura
estarán en funcionamento desde o mes de xuño hasta principios do mes de
outubro. A través das redes sociais de Andaina pódese facer un seguimento das
datas nas que terán lugar os obradoiros de lectura (Andaina Pro Saúde Mental en
Facebook e @andaina_prosaudemental en Instagram).