Skip to main content

A finais de abril, un total de 15 usuarios e 3 monitores das asociacións de FEAFES Galicia viaxarán ás Palmas de Gran Canarias para pasar sete días na illa atlántica. Os viaxeiros que disfrutarán desta convocatoria das vacacións do IMSERSO pertencen ás asociacións Porta Nova, Doa e Andaina, todas elas entidades membro da Federación. 

A viaxe durará do 21 ó 28 de abril e a estancia terá lugar na Praia do Inglés, situada ó sur da illa. Dende alí, os viaxeiros desprazaranse a diversos puntos de Gran Canaria para gozar dunha semana de viaxes culturais, actividades recreativas e turismo natural. 

O primeiro lugar que explorarán os participantes desta viaxe será a zona centro, onde poderán coñecer a vila de Santa Brígida, o municipio de Tejeda, o lugar de Teror, o Pico das Neves, que é o máis alto da illa, e o Roque Nubro, unha famosa rocha que se atopa nunha cheminea volcánica.

Na zona suroeste, os viaxeiros visitarán as dunas móbiles de San Bartolomé de Tirajana, os barrancos e o porto de Mogán, a aldea de San Nicolás que presenta un exemplo de arquitectura popular canaria, e unha interesante mostra de cultura guache, fauna, flora e arqueoloxía da illa grazas ó Museo Aborigen, o parque zoolóxico e botánico Palmitos Park e a necrópole de Arteara.

No norte, o interese atópase nos espectaculares acantilados e a extraordinaria visión da forza do mar, así como as pequenas calas, piscinas naturais e praias combinadas con pintorescos espazos naturais froito da erosión e a historia volcánica da illa. A ruta polo norte conducirá ós visitantes dende o municipio de Arucas ata Agaete, pasando por Firgas, Moya, Santa María de Guía e Gáldar.

Finalmente, os viaxeiros coñecerán a zona este visitando a capital da illa, as Palmas de Gran Canaria, onde percorrerán diversos lugares de interese. Os vestixios arqueolóxicos do municipio de Telde, a artesanía da localidade de Ingenio e os recordos feudais de Agüimes completan a axenda desta viaxe, que de seguro será moi ben aproveitada.

viaje imserso.jpg