Skip to main content

A asociación DOA conta cun CRPL en Vigo no que ofrece información e asesoramento a mozas e mozos que teñen algún problema de saúde mental.

CRPL Vigo II. Imaxe da asociación DOA

Na Rúa Pi y Margall, en Vigo, atópase o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Vigo II. Un centro xestionado pola asociación DOA Saúde Mental onde mozos e mozas de 16 anos en diante reciben atención e asesoramento para coidar a súa saúde mental e adquirir ferramentas para o día a día.

A iniciativa comezou como un programa de intervención precoz en psicose no que podían atender ata 10 persoas de 16 a 25 anos. Posteriormente, instaurouse o programa PREVIR que, baixo o mesmo obxectivo, permitía aumentar as prazas a 15. Desde hai dous anos, o centro é un CRPL e admite xa ata 30 persoas cun diagnóstico de saúde mental entre os 16 e os 60-65 anos. Actualmente ten 22 prazas cubertas, na súa maioría por mozas e mozos de 16 a 26 anos.

A idea xurdiu da necesidade: “Non se pode atender igual a unha persoa de 16 anos que a unha de 40”, explica David del Castillo, psicólogo do centro, que engade que “estas idades necesitan un tipo de rehabilitación distinto ao que se ten”. Del Castillo indica que as persoas mozas necesitan unha intervención máis flexible que se adapte ao seu ritmo de vida, ás súas necesidades e intereses.

Un segundo fogar onde coidar a saúde mental

O obxectivo principal das accións que se realizan neste centro é traballar na recuperación da mocidade que acode á asociación a diario. “Traballamos moito as competencias emocionais e tamén a psicoeducación”, explica David. “É importante que teñan unha conciencia clara de cal é o seu problema de saúde e os coidados que deben ter”, engade.

Marieta, usuaria da asociación DOA

“A primeira vez que vin estaba angustiada”, conta Marieta, usuaria do centro. “Antes de chegar aquí, ninguén me explicara cal era o meu problema de saúde”. Alejandro, compañeiro de Marieta, afirma que estando no centro aprendeu a entender a súa enfermidade: “Axúdannos a identificar os síntomas e explícannolos. Así é moito máis fácil de xestionar”.

David explica que para estes mozos e mozas e para as súas familias a enfermidade aparece de golpe e xera unha crise. Sinala que é necesario que o persoal profesional lles expliquen o que pasa e lles transmitan seguridade. “A nosa intención é que vexan este centro como parte da súa vida, como a súa casa”, conta David, “e a nós como persoas que están aí para axudarlles”. Álvaro, outro dos usuarios do centro, confirma que é así: “Isto é un espazo seguro. Creamos un vínculo moi forte que eu creo que nos axuda no proceso de recuperación”.

E este vínculo fortalécese tanto dentro como fóra do centro, xa que o grupo, xunto co equipo profesional, realiza tamén estancias en casas rurais, levan unha horta urbana con persoas alleas á asociación, fan rafting e participan en festivais, entre outras cousas.

Traballando para o futuro

Álvaro, usuario da asociación DOA

Pero aínda que o centro é un lugar no que están a gusto e senten comprensión, o obxectivo é a vida fóra. Por iso, estas rapazas e rapaces realizan diversos talleres nos que adquiren ferramentas como a planificación, a xestión das emocións, a igualdade, a psicomotricidade, a autonomía, etc. Os horarios dos talleres adáptanse ao seu horario formativo e/ou laboral, de forma que poden integralo comodamente no seu día a día.

Carolina, outra das usuarias do centro, está estudando oposicións: “Gustaríame vivir de forma independente, ter o meu traballo e facer unha vida normalizada”. O desexo de Carolina é compartido, pois Marieta e Alejandro tamén queren ter un traballo estable e vivenda propia: “Encantaríame ter o meu propio piso, cociñar eu e facer as tarefas por min mesma”, comenta Marieta.

Álvaro, pola súa banda, quere dedicarse ao sector social: “A min marcoume moito isto”, explícanos, “gustaríame poder axudar á xente e transmitirlles que se poden recuperar”.

A loita contra o estigma

CRPL Vigo II

Entre as barreiras que atopa a mocidade con problemas de saúde mental no seu día a día, está a dos prexuízos: “Ao principio ocultaba a miña enfermidade por culpa do estigma social”, di Carolina, “pero hai que visibilizar a enfermidade para demostrar que somos persoas como calquera outra”.

Alejandro ten claro que a labor dos medios de comunicación é moi importante para cambiar esta percepción: “Ás veces, nas noticias relacionan saúde mental con violencia, pero a maioría de persoas con problemas de saúde mental non somos agresivas”.

Eu creo que o estigma vén todo da desinformación”, explica Álvaro. “En redes sociais fálase de depresión e ansiedade pero creo que aínda dá medo falar de psicose, esquizofrenia, bipolaridade…”.

Marieta, pola súa banda, coincide en que os prexuízos se combaten informando: “Deberiamos dar máis charlas sobre o que supón ter un problema de saúde mental. Non é algo que lle pase a un grupo reducido de persoas, senón que lle pode pasar a calquera. Falar máis disto axudaría a desmontar as ideas erradas que se teñen sobre a xente con problemas de saúde mental”, opina.

Estes mozos e mozas participan activamente na loita contra o estigma. En compañía do equipo de profesionais, dan charlas en institutos, en centros penitenciarios e mesmo tiveron unha canle de Youtube na que facían pezas de sensibilización.

Co seu traballo, a asociación DOA acompaña á mocidade para que os problemas de saúde mental non lles impidan ter unha vida independente e autónoma. Marieta, Álvaro, Carolina e Alejandro, ao igual que o resto de compañeiros e compañeiras do centro, están traballando polo seu futuro. Non lles poñamos barreiras.

Escoita a Carolina, Álvaro, Marieta, Alejandro e David: