A Asociación Alume desenvolve o programa “Alume 60+” que presta atención ás persoas con trastorno mental grave de máis de 60 anos na provincia de Lugo.

Galicia presenta unha das estruturas poboacionais máis envellecidas de España e de Europa. Este envellecemento ten implicacións directas para a saúde mental. Tendo en conta isto e querendo atender a necesidade das persoas con problemas de saúde mental grave cando pasan dos 60 anos, Alume puxo en marcha o programa Alume 60+.
Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Favorecemos un envellecemento activo e autónomo
A través desta iniciativa, a asociación Alume busca fomentar a autonomía, reducir o illamento social e mellorar a saúde física e emocional das persoas maiores de 60 anos con enfermidade mental grave na provincia de Lugo.
O programa funciona combinando intervencións grupais e individuais que abordan de xeito integral as dimensións cognitiva, física, emocional e social. Para iso, realízanse sesións periódicas tanto nos espazos de Alume como nas contornas comunitarias. Isto favorece a participación activa e a inclusión social das persoas usuarias.
Así, realízanse talleres de estimulación para manter e reforzar as capacidades mentais. Tamén se promove a autonomía persoal mediante o adestramento das habilidades da vida diaria como cociñar, autocoidado, xestión de tempo e de medicación e incorporar o uso de axendas ou aplicacións móbiles sinxelas.
Buscamos evitar o illamento e fomentar a inclusión social
Para reducir o illamento social, no marco do “Alume 60+” organízanse grupos de apoio psicosocial e actividades comunitarias como saídas de ocio e participación nos recursos culturais da contorna. Isto favorece a creación de redes sociais e o sentimento de pertenza.
Para coidar a saúde física, desenvólvense sesións de actividade física adaptada como ximnasia suave e camiñadas grupais. Estas actividades están orientadas a mellorar a condición física e á prevención de enfermidades asociadas á idade.
Do mesmo xeito, o programa incorpora intervencións específicas para o benestar emocional, a través da terapia cognitivo-conductual e actividades creativas como arte, música ou baile, que permiten a expresión emocional e o reforzo da autoestima.
Grazas a Alume 60+, a asociación contribúe a mellorar a calidade de vida destas persoas e a promover un envellecemento activo e saudable.
—
O programa Alume 60+ é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

