Skip to main content

Manuel Martínez e Mauro Bordallo, xogadores da asociación Avelaíña, fixéronse con dous postos no podio do XX Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a Agrupación Deportiva Zas.

O venres 9 de maio, Zas foi escenario do XX Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a Agrupación Deportiva Zas.No encontro participaron varias entidades de saúde mental de toda Galicia.

Máis de 40 xogadoras e xogadores de A Creba, Apem, Avelaíña, Doa, Lenda e das delegacións de Vigo e Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia; trasladáronse a Zas para gozar desta xornada.

 

 

Mauro Bordallo recolle o primeiro premio e o seu compañeiro, Manuel Martínez, leva o segundo 

Dobre galardón para a asociación Avelaíña. O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban as 13h30 cando Mauro Bordallo, da asociacion Avelaíña, se alzaba co primeiro posto. A disputada final xogouna contra o seu compañeiro de asociación Manuel Martínez. Os dous terceiros postos da clasificación lográronnos Manuel Otero, de Doa e Brandán Menacho, de Saúde Mental FEAFES Vigo.

Finalmente, na entrega de premios interviron Manuel Muíño, alcalde de Zas, Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Estevo Lema, presidente da Asociación Deportiva Zas.

Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e, a continuación do evento, gozaron dunha comida de convivencia. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos agradecer enormemente a colaboración da Asociación Deportiva Zas e do Concello de Zas neste torneo.

Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.

Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

 

Coa colaboración de: