Os premios Nigrán 2015, que recoñecen a labor de entidades ou axentes que contribúen á construción dun municipio mellor, xa conta coa lista definitiva de galardoados. A asociación de axuda ás persoas con enfermidade mental e as súas familias Avelaíña, a Coral Polifónica Novos Aires, o colexio Carlos Casares, as Escolas Deportivas Val Miñor, a empresa Ciclos Palacios e a firma Cimalab foron recoñecidos polo Concello como pezas clave no desenvolvemento dun municipio con historia, presente e futuro.
A gala de entrega dos premios terá lugar o día 27 de marzo no Auditorio Municipal de Nigrán a partir das 20.00, un acto emotivo que cada ano gaña solemnidade e participación veciñal. Nel, o Concello agradecerá, en nome de todos os nigranenses, a labor destas entidades galardoadas na cuarta edición deste premio, que xa se consolida como unha cita anual ineludible na vida social e institucional do municipio.
Os Premios Nigrán naceron en 2012 e constan de seis categorías coas que o Concello pretende estender a súa distinción de méritos a distintos sectores da sociedade nigranense, dende o ámbito social ó empresarial, pasando tamén pola cultura, a educación ou o deporte. A listaxe de galardoados foi proposta polo goberno popular tras as suxestións de diversos colectivos sociais, culturais, veciñais e grupos políticos.
Avelaíña forma parte da nómina de premiados pola labor social que desempeña na atención e integración de persoas con enfermidade mental da comarca miñorana. Esta asociación pertencente a FEAFES Galicia promove a reinserción psicosocial de centos de persoas deste colectivo no Baixo Miño e Val Miñor a través de actividades formativas e outras iniciativas. Concretamente en Nigrán, a entidade prestou servizo a un total de 241 veciños durante o 2013.
Vía Faro de Vigo.