Arroupada por autoridades da Sanidade Pública e membros das corporacións locais, a asociación Avelaíña inaugurou onte o seu novo centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para persoas con problemas de saúde mental en Ponteareas.
As novas instalacións, amplas e visibles, inclúen unha sala de equipo, despacho para a psicóloga, un obradoiro ocupacional e unha sala polivalente. Ubicado preto da estación de autobuses de Ponteareas, facilitará a asistencia ao centro das persoas usuarias ao tratarse dun territorio eminentemente rural, cunha gran dispersión poboacional e transporte escaso, facilitando así a súa autonomía e inclusión na comunidade.
O acto contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, autoridades sanitarias e membros das corporacións locais, representantes da federación Saúde Mental FEAFES Galicia, Xunta Directiva da asociación, familiares, persoas usuarias e profesionais das diferentes delegacións da entidade. Comezou co recibimento de todos os invitados e invitadas para proceder ao descubrimento da placa por parte do Conselleiro de Sanidade. Posteriormente, a responsable do centro, Lorena Francisco, fixo unha visita guiada polas instalacións, finalizando coa intervención de diferentes personalidades.
María Fernanda Orduna Vela, presidenta de Avelaíña, afirmou que contar cun centro como este é unha moi boa nova para a asociación, e agradeceu a aportación da Consellería de Sanidade e dos Concellos que permitiron facer realidade esta estrutura que tanto necesitaban as persoas usuarias destas comarcas. Cristina Fernández Davila, Alcaldesa de Ponteareas, aplaudiu a enorme labor que realiza Avelaíña na comarca. Pola súa banda, Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade, aproveitou o acto para anunciar unha noticia moi esperada por todos e todas: a apertura da Unidade de Saúde Mental en Ponteareas para o mes de abril.
O novo CRPL inaugurado por Avelaíña en Ponteareas supón un salto cualitativo na atención ás persoas con problemas de saúde mental desas comarcas e xorde como consecuencia da saturación do Programa Achego, que estaba a precisar dunha atención máis continuada ás persoas participantes.
Este programa, que se ven desenvolvendo dende 2016, foi unha iniciativa pioneira que deu por primeira vez unha resposta innovadora á necesidade de atención especializada en saúde mental no rural, partindo dun entorno socio familiar e comunitario máis preto das persoas afectadas.
Con estas novas instalacións, preténdese mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, así como mantelas no entorno comunitario, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social mediante unha atención integral.