Tras dous anos de Plan de Igualdade, facemos balance das medidas impulsadas para garantir a igualdade de oportunidades, mellorar a conciliación e previr situacións de discriminación e acoso.

Plan de Igualdade. Atención en despachos

En Saúde Mental FEAFES Galicia, mantemos un firme compromiso coa igualdade de xénero, sendo este un dos estatutos da Federación e estando presente en cada un dos ámbitos da entidade. Por iso, no 2023 puxemos en marcha o noso Plan de Igualdade. Un documento que pon por escrito o noso compromiso na defensa da igualdade de oportunidades, a mellora da conciliación e a prevención de situacións de discriminación e acoso.

Para garantir o desenvolvemento do Plan, constituíuse unha Comisión de Seguimento do Plan de Igualdade. Esta comisión está integrada polas representantes das persoas traballadoras da nosa entidade e por persoal con formación específica en igualdade. Esta comisión encárgase de supervisar a implementación das medidas, realizar o seguimento dos procesos e garantir a súa avaliación continua.

Medidas tomadas na Área de Comunicación e Sensibilización

Na Área de Comunicación e sensibilización facemos unha constante labor de revisión do uso da linguaxe non sexista nos nosos materiais corporativos, comunicados internos e externos e documentación da entidade. Ao longo destes dous primeiros anos de plan, observamos unha diminución progresiva da porcentaxe de correccións necesarias, o que indica unha mellora no uso da linguaxe inclusiva por parte da nosa entidade.

Tamén elaboramos un procedemento para fomentar unha comunicación inclusiva. Para favorecer a súa implementación, realizamos unha infografía con exemplos do uso correcto da linguaxe inclusiva que entregamos a cada persoa traballadora.

Ademais, elaboramos unha caixa de correo interna de igualdade, de carácter anónimo e confidencial, para que as persoas traballadoras poidan facer chegar as súas suxestións, demandas e dúbidas sobre a aplicación de medidas de igualdade de xénero. Do mesmo xeito, tamén se creou un correo específico de igualdade: igualdade@feafesgalicia.org

Medidas tomadas na Área de Emprego, Selección e Contratación

Na Área de Emprego, Selección e Contratación reforzouse a aposta pola promoción interna. Tamén garantimos que as persoas en situación de permiso, excedencia ou suspensión de contrato por coidados non vexan limitado o seu desenvolvemento persoal.

Tamén incorporamos unha mención específica ao noso compromiso coa igualdade de oportunidades nas ofertas de emprego e realizamos un seguimento dos procesos selectivos por parte da Comisión de Igualdade.

Medidas tomadas na Área de Formación e Promoción

Plan de Igualdade. FormaciónNa Área de Formación e Promoción houbo unha aposta polo incremento das accións formativas. Así ao longo destes anos realizamos diversas formacións internas dirixidas a todo o persoal. Estas formacións trataron temas de igualdade de oportunidades e prevención da discriminación por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero; prevención do acoso sexual e intervención directa con persoas usuarias con perspectiva de xénero.

Ademais, realizamos unha formación específica para o persoal de recursos humanos en igualdade de oportunidades nos procesos de selección, así como outras 11 formacións externas.

Na actualidade, seguimos mantendo o compromiso pola formación continua dos nosos e nosas profesionais en materias de igualdade.

Medidas tomadas en relación a retribucións, conciliación e corresponsabilidade

No apartado retributivo, mantivemos o noso compromiso coa igualdade salarial mediante revisións anuais.

E en materia de conciliación e corresponsabilidade, rexistráronse no REGCON as medidas que melloran o establecido no convenio colectivo. A Comisión de Igualdade realiza un seguimento periódico dos permisos, excedencias e outras medidas vinculadas á conciliación.

Medidas tomadas en relación á saúde laboral, acoso sexual e violencia de xénero

No ámbito da saúde laboral, o acoso e a violencia de xénero, modificouse, aprobouse e presentouse a todas as persoas traballadoras o protocolo de prevención e actuacións ante situacións de acoso sexual, acoso por razón de sexo e acoso ou violencia contra as persoas LGTBIQ+.

Como punto destacable, este protocolo amplía o seu alcance para incluír de maneira explícita a prevención e actuación fronte o acoso ou violencia contra as persoas LGTBIQ+, reforzando así o compromiso da entidade coa diversidade e cun entorno laboral seguro, inclusivo e respectuoso.

Este balance de medidas pon de manifesto que O Plan de Igualdade constitúe unha ferramenta clave, en constante evolución, e que require avaliación continua e implicación colectiva para seguir avanzando cara unha organización máis xusta e igualitaria.

Share