Novas

Beatriz Mato visita as instalacións de FEAFES Galicia

By 19 Novembro, 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Durante a tarde de onte, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou as instalacións nas que FEAFES Galicia desenvolve o seu traballo dende o mes de febreiro. A conselleira estivo acompañada pola Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e pola Directora Xeral de Formación e Colocación, Ana Mª Díaz. Beatriz Mato percorreu as oficinas da Federación para ver de primeira man a labor que realizan os distintos traballadores e recibir información sobre os servizos que presta a entidade.

Tras coñecer as instalacións, as tres convidadas reuníronse con distintos representantes de FEAFES Galicia e do movemento asociativo, entre os que se atopaban o Presidente, Xosé Ramón Girón, o Director, Antonio Hernández, un representante do Comité de Persoas con Enfermidade Mental e a Xunta Permanente, formada por membros de distintas asociacións federadas.

O Presidente de FEAFES Galicia expuxo ante a conselleira a situación da entidade e a realidade da enfermidade mental en Galicia, que afecta actualmente a máis de 41.700 persoas. Carlos García, pola súa parte, falou en nome do Comité de Persoas con Enfermidade Mental acerca da realidade deste colectivo, as súas inquedanzas e as súas necesidades.

Ambos incidiron en que as persoas con enfermidade mental constitúen un colectivo que carga con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa e estigmatizada por parte da sociedade, grandes dificultades para a inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental.  A actual crise económica, ademais, está a afectar moi negativamente ás persoas con enfermidade mental a través dos recortes en programas de acompañamento e integración, impedindo así o retorno de moitas persoas a unha vida activa e satisfactoria. 

A conselleira Beatriz Mato felicitou reiteradamente a labor de FEAFES e manifestou o seu orgullo de colaborar con esta entidade. Valorou moi positivamente a creación do Comité de Persoas con Enfermidade Mental considerándoo un avance importante na dotación de voz e de participación ós propios afectados.

Beatriz Mato indicou que, en tempos de recortes como no que nos atopamos, a Consellería de Traballo e Benestar reafirma o seu compromiso coa discapacidade e coa enfermidade mental, especialmente en materia de inserción laboral como ferramenta para a integración real deste colectivo. Así, anunciou que este ano FEAFES Galicia contará cun plan integrado de emprego cunha dotación de 76.500 euros do que se beneficiarán 60 persoas.

visitabeatrizmato.jpg        visitabeatrizmatoo.jpg

Share