As entidades asociadas a Saúde Mental FEAFES Galicia realizan actividades de ocio e tempo de lecer coas persoas usuarias no programa “Benestar e Saúde Mental”.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia somos conscientes de que as actividades de ocio e tempo de lecer son importantes para a saúde mental. Axúdannos a desconectar da rutina e axudan a manter un equilibrio emocional para afrontar os retos da vida diaria. Para as persoas que teñen un problema de saúde mental son ademais unha forma de socialización moi importante, melloran a autonomía e contribúen ao benestar físico e mental. Tendo en conta esta realidade, as asociacións A Creba, A Mariña, Alba, Alume, Andaina, APEM, Avelaíña, Doa, Fonte da Virxe, Lenda e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; desenvolven o programa “Benestar e Saúde Mental”.
O obxectivo desta iniciativa é promover a saúde integral e os estilos de vida saudables. A través do ocio e o tempo de lecer, busca mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias e persoas achegadas.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Ocio que mellora a calidade de vida
Unhas 200 persoas de toda Galicia participan no programa “Benestar e Saúde Mental”. As accións que se desenvolven dentro desta iniciativa contribúen a que as usuarias e usuarios adquiran hábitos de vida saudables, fomentan a súa inclusión e participación en actividades comunitarias, fortalecen a súa rede social, promoven a súa autonomía e ofrecen tempos de respiro para as súas familias e persoas achegadas.
As asociacións ofrecen actividades deportivas como sendeirismo, tenis de mesa e xornadas multideporte. Tamén actividades culturais como visitas a museos, sesións de cine e teatro e participación nas festas tradicionais. Outras das actividades que se realizan son as vacacionais que inclúen o Camiño de Santiago e as estancias en casas rurais.
Dentro do programa tamén existen grupos de ocio autoxestionados. Estes grupos, conformados por persoas usuarias xestionan as súas propias actividades e saídas. Isto permítelles tomar decisións activas, traballar a súa autonomía e mellorar a súa integración social.
O programa “Benestar e Saúde Mental” representa unha oportunidade de fomentar o ocio normalizado e facilitar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental, mellorando a súa calidade de vida e a das súas familias.
—
O programa “Benestar e Saúde Mental” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.


