A biblioterapia como apoio a persoas con problemas de saúde mental, tales como depresión ou ansiedade, entre outros, é o novo proxecto que presentou a Xunta de Galicia nun acto presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. A iniciativa parte dunha premisa clave que é utilizar o libro e a lectura cun obxectivo terapéutico na abordaxe desta problemática.
A iniciativa xorde da proposta de pacientes con problemas de saúde mental e familiares que colaboran con Sanidade. Tamén conta cun amplo respaldo dos clínicos implicados, tanto de atención primaria como hospitalaria.
A estratexia non é exclusiva nesta Comunidade, senón que se basea na experiencia de iniciativas postas en marcha noutros países europeos con éxito no campo clínico, especialmente a do Reino Unido, onde o seu programa de Books on Prescription (libros con prescrición) é un referente internacional na implementación de programas de autoaxuda no sistema sanitario.
A Axencia do Coñecemento en Saúde (CIS) e o Servizo de Saúde Mental do Sergas puxeron en marcha o pasado ano un grupo de traballo integrado por profesionais de ambos os servizos, do Sergas e de Bibliosaúde, no que tamén participaron profesionais da Facultade de Psicoloxía da USC e de Saúde Mental FEAFES Galicia. O grupo centrou o seu esforzo na análise dunha serie de títulos de autoaxuda e ensaio, facendo unha revisión paralela e analizando os textos que finalmente conformaron a listaxe definitiva, vendo a súa idoneidade e que efectos poden ter sobre o paciente.
O proxecto galego de biblioterapia rexistra, como punto de partida, 142 libros recomendados para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. Trátase dunha lista coidadosamente seleccionada, avaliada e validada por expertos tanto do ámbito sanitario como do literario e conta tamén con achegas dos pacientes a través de asociacións do ámbito da saúde mental, como Saúde Mental FEAFES Galicia e Itínera.
As lecturas que aparecen na guía están clasificadas segundo o tipo de trastorno ou problema para o cal poden servir de apoio, tamén en función da idade dos destinatarios. Están presentadas en dous grandes bloques: libros de autoaxuda e psicoeducación, recomendados polos profesionais sanitarios, nos que se ofrecen técnicas e información para comprender e afrontar os problemas; e novelas e libros de non ficción, recomendados por pacientes e expertos en literatura e biblioterapia, que son unha fonte de experiencias persoais, emocións e coñecementos sobre a vida, e nos que o paciente se pode ver reflectido e atopar un reforzo positivo.
Vía ConSalud.es.