Skip to main content
A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas) aos que se recorre principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais, problemas emocionais e para promover a saúde mental. Ter acceso aos libros recomendados pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.
 
En Galicia desenvolveuse o proxecto “Biblioterapia. Lecturas saudables“, promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Conta coa financiación de Lundbeck e coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, colexios profesionais, sociedades científicas, expertos en saúde e literatura e asociacións de pacientes, entre elas Saúde Mental FEAFES Galicia. Trátase, por tanto, dun proxecto baseado na evidencia científica que inclúe 142 libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes.
 
En xeral, os libros de autoaxuda incluídos no proxecto poden ser una opción apropiada para gran parte das persoas que consultan aos profesionais de atención primaria ou atención especializada por algún problema psicolóxico. As lecturas deben seleccionarse coidadosamente tendo en conta o nivel de dificultade do libro, así como a motivación da persoa para participar nunha actividade destas características e traballar de forma autónoma no seu problema de saúde co seguimento dos profesionais.
Así, poden beneficiarse das lecturas de autoaxuda persoas de diferentes idades (tanto nenos/as como adultos/as) que experimenten situacións de malestar emocional ou trastornos mentais en grao leve ou moderado. Tamén persoas con problemas máis severos, sempre como un complemento dos tratamentos.
Ademais, estes libros poden serlle útiles a familiares e achegados, así como a persoas interesadas en ter un maior coñecemento sobre os trastornos mentais e o benestar psicolóxico.
 
 Documentos relacionados:
Máis información en Bibliosaúde