Skip to main content
O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, órgano integrado por persoas usuarias da entidade, ven de lanzar a campaña de sensibilización “Botemos o estigma ao lixo“, unha acción coa que pretenden chamar a atención sobre os prexuízos que existen na sociedade cara as persoas con problemas de saúde mental.
Dita campaña conta cun vídeo como elemento principal que mostra, en clave simbólica e cun carácter desenfadado, o día a día dunha persoa sobre a que pesa o estigma social asociado aos problemas de saúde mental. Nesta peza, que se pode ver na canle de Youtube de Saúde Mental FEAFES Galicia, póñense sobre a mesa prexuízos tales como que as persoas con problemas de saúde mental son violentas, están tolas ou non poden traballar. Trátase de prexuízos identificados polas propias persoas usuarias, facendo deste vídeo unha sorte de testemuño colectivo en primeira persoa.
Ao igual que o deseño e o impulso da campaña, o vídeo está realizado por persoas con problemas de saúde mental, sendo estas quen se encargaron da idea, o guión, a rodaxe e a interpretación. Para esta tarefa, o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia contou coa colaboración dos usuarios da asociación DOA Saúde Mental (Vigo e Cangas), que foron os encargados de poñer en marcha a parte audiovisual.
Ademais, do vídeo, a campaña conta cunha serie de material gráfico que inclúe carteis e diversas viñetas que se difundirán a través das redes sociais, empregando o hagstag da campaña #estigmaaolixo. Igualmente, conta cunha cuña radiofónica e unha versión reducida do vídeo que será lanzada máis adiante.

O Comité en Primeira Persoa, un espazo con voz propia

O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que da voz ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con problemas de saúde mental.
Foi constituído en novembro de 2017 en Santiago de Compostela e actualmente conta con seis membros activos procedentes de diversos puntos de Galicia. A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde os seus integrantes tratan temas relacionados coa saúde mental que lles afectan e lles preocupan. 
Entre as accións que levan a cabo, destaca a elaboración e actualización dun blog en primeira persoa (mentalizaccion.org), accións formativas, posicionamentos ante temas relacionados coa saúde mental ou accións de sensibilización.