O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas.
Para iso, facilítaselles información e asesoramento, realízanse accións formativas, aténdense urxencias e trabállase coordinadamente con outros recursos. Marga participou neste programa na delegación de Saúde Mental FEAFES Lugo durante a súa última edición. Unha vez rematado, quixo compartir con todos nós as súas impresións, inquedanzas e expectativas de futuro.
“Participar no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade foi moi interesante para min, pois como muller que padece unha enfermidade mental, síntome moi interesada pola perspectiva de xénero dentro da saúde mental. Por este motivo, o meu paso polo programa foi moi positivo, sobre todo a nivel de autocoñecemento persoal, autoafirmación e empoderamento da miña persoa e valores.
Sentinme moi identificada cos temas tratados nas charlas que se impartiron dentro do programa, porque vivín situacións similares aos exemplos que se poñían dentro das mesmas, como o que ten que ver con actitudes sexistas cara a miña persoa, micro e macro machismos, se se pode dicir así, e o papel da muller dentro das familias a nivel de conciliación persoal e laboral.
Doutra banda, o paso polo programa serviume para aprender a manexar mellor a miña enfermidade e a non estigmatizarme a min mesma. Antes tiña moitos medos e pechábame aos demais, intentaba evitar a outras persoas, cousa que non me beneficiaba e aumentaba os meus medos e inseguridades, pero non sabía afrontalos doutro xeito. Grazas á atención recibida, agora son capaz de expresar os meus medos, traballalos e reconducilos dunha maneira que non me prexudique. Ademais, tamén me serven para axudar a outras persoas que poden estar vivindo unha situación similar ou ter unha patoloxía como a miña.
A nivel laboral, cando comezou o programa eu estaba traballando, pero ao finalizar o meu contrato sentinme moi apoiada na busca de emprego e tamén a nivel anímico, pois finalizar o contrato supuxo para min unha gran incerteza e unha reestruturación do meu día a día. Axudada por Saúde Mental FEAFES Galicia, puiden marcarme novos obxectivos a nivel laboral e formativo (pois agora quero sacar o Bacharelato), o cal me tranquilizou bastante e permitiume organizarme para conseguir eses obxectivos.
Dicir, por último, que neste momento teño un emprego que podo compatibilizar co estudo do Bacharelato e, o máis importante para min, permíteme estar pendente da miña familia que vive na Fonsagrada. Dicir tamén que continúo intentando aprender sobre min mesma cada día para poder mellorar un pouquiño sempre”.
Marga Díaz, Lugo.