Grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade podemos seguir desenvolvendo o programa de Inclusión Social para persoas con problemas de saúde mental en situación de vulnerabilidade.
En Saúde Mental FEAFES Galicia, sabemos que pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é doado, e require dun longo período de tempo. No camiño interveñen elementos varios e procesos multidimensionais, como os aspectos económicos e laborais, pero tamén o que ten que ver cos aspectos sociais e relacionais e, por suposto, a situación persoa e a saúde.
Por iso, desde 2023 desenvolvemos o programa de Inclusión Social para persoas con problemas de saúde mental en situación de vulnerabilidade. Esta iniciativa consta de dous itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego:
- Itinerarios personalizados para persoas con problemas de saúde mental. Destinado a 80 persoas de A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Vigo. Buscamos a mellora da empregabilidade a través de acompañamentos sociais, apoio integral, orientación e asesoramento.
- Itinerarios personalizados para persoas sen fogar e con problemas de saúde mental. Destinado a 30 persoas de A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo. Neste itinerario búscase cubrir as necesidades básicas para posteriormente traballar na adquisición dunha estabilidade residencial e económica e fomentar a inclusión na comunidade.
Este proxecto está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.
Derrubando barreiras
Neste segundo ano de traxectoria do programa, estamos prestando apoio e acompañamento na transición ao emprego a 110 persoas en risco, desempregadas e con problemas de saúde mental, das cales 30 son persoas en situación de senfogarismo ou risco grave de exclusión social.
Con este programa apoiamos ás persoas participantes, non só en aspectos relacionados coa inclusión laboral, senón tamén en aspectos máis sociais. Traballamos para derrubar as barreiras contra as que se enfrontan estas persoas, entre elas a cobertura de necesidades básicas, a inserción sociolaboral e o illamento. Atendendo sempre as necesidades e demandas de cada persoa.
A nosa actuación céntrase en desenvolver accións que favorezan a adquisición de habilidades e competencias para a mellora da empregabilidade. Pero tamén levamos a cabo actuacións de acompañamento social para axudar a alcanzar estabilidade residencial, económica e social. Tamén realizamos acompañamentos para facilitar o acceso ao sistema de saúde mental e promovemos hábitos de vida saudable que axuden na prevención.
“Conseguín un traballo no que me sinto realizado”
Cando existe un apoio detrás, é posible que as persoas en risco de exclusión poidan construír unha vida estable. Pedro, participante do programa de Inclusión Social, recoñece os cambios positivos que lle aportou: “Grazas a participar neste programa puiden formarme e ter acceso a máis ofertas de emprego. Agora teño un traballo no que me sinto realizado”.
Ademais, engade que o cambio non foi unicamente no ámbito laboral, senón tamén no social. “Recibín moito apoio por parte do equipo de FEAFES para mellorar a relación coa miña familia. Antes tiña moitas dificultades.”- afirma Pedro.
Este proxecto permítelle ás persoas usuarias mellorar en diferentes áreas da vida. Non só na laboral, senón tamén na persoal, familiar, formativa e comunitaria. “As persoas que participan están en situación de risco por diferentes factores sociais e persoais. O feito de que poidan recibir apoio personalizado, consegue diminuír as barreiras que atopan.“- afirma Marta Darriba, técnica do programa.
Outro aspectos relevantes deste programa é a coordinación cos equipos profesionais doutros recursos. O traballo en rede co persoal de Servizos Sociais, do Sergas, de academias de formación, de empresas e doutras entidades; permite proporcionar unha atención integral de forma eficiente e personalizada. Isto implica maiores beneficios para as persoas con problemas de saúde mental que participan neste proxecto.
“Síntome moi agradecido co trato que recibo do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia, porque me atenden, me entenden e grazas ao seu apoio conseguín facer cousas que non tería conseguido doutro xeito.”- afirma Pedro.