Skip to main content
O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia), do cal forma parte Saúde Mental FEAFES Galicia, fai un chamamento para que os poderes públicos, axentes sociais, operadores económicos, medios de comunicación e toda a sociedade cumpran a Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, que é “a mellor e máis firme aliada das persoas con discapacidade”.
A entidade súmase ao manifesto elaborado por CERMI Estatal e Fundación CERMI Mulleres con motivo do primeiro Día Nacional da Convención Internacional da Discapacidade (3 de maio), cuxo fin é contribuír ao coñecemento, difusión e toma de conciencia acerca desta Convención e os seus principios, valores e mandatos, estendendo a cultura e a práctica dos dereitos humanos na esfera das persoas con discapacidade.
O pasado 22 de febreiro, o Consello de Ministros do Goberno de España, acollendo unha proposta do CERMI Estatal, declaraba oficialmente a xornada do 3 de maio de cada ano, como Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2006.
O potencial transformador da Convención, marco referencial e prescritor ineludible de todas as políticas públicas e lexislacións que leven a cabo en España no dominio das persoas con discapacidade, intensifícase se este tratado internacional ponse en conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e a Axenda 2030 de Nacións Unidas.
Interpretar, despregar e aplicar a Convención en clave de ODS e estes en clave da Convención de 2006, redobrarán os efectos de cambio social que necesitan as persoas con discapacidade para lograr contornas, relacións e comunidades plenamente inclusivas, sustentables humana e socialmente, respectuosas e  valedoras da diversidade como ben de primeira magnitude, digno de promoción e protección.
A Convención de 2006 e os ODS, mutuamente combinados, marcan, por tanto, a axenda política da discapacidade dos próximos anos, que pasa sen dúbida de modo prioritario por atender e materializar as recomendacións que o Comité dos Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas formulou a España, tras a segunda revisión do grao de cumprimento deste tratado realizada os días 18 e 19 de marzo de 2019, e feitas públicas o pasado 9 de abril.
O programa político e social para que a Convención de 2006 e os ODS sexan unha realidade práctica nun período razoable é inxente e o movemento cívico de dereitos humanos das persoas con discapacidade e as súas familias estará vixiante para que os poderes públicos, os axentes sociais, os operadores económicos, os medios de comunicación e toda a sociedade aliñen a súa actuación con estes postulados.