O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia, CERMI Galicia, organizou o xoves 21 de outubro un webinar no que se deu a coñecer a realidade das mulleres con discapacidade no ámbito deportivo. O encontro, organizado pola Comisión da Muller de CERMI Galicia e que contou con máis de 100 persoas rexistradas, pretendeu visibilizar as dificultades coas que se atopan as mulleres con discapacidade en Galicia no acceso ao deporte e no desenvolvemento dunha carreira deportiva.
A apertura do acto correu a cargo do presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, e durante o mesmo celebráronse varios coloquios moderados pola xornalista e usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, Isabel Quintairos. No primeiro deles, interviñeron mulleres deportistas con discapacidade que contaron as súas experiencias en primeira persoa, visibilizando a diversidade de necesidades que atopan neste ámbito.
Nuria López, atleta en cadeira de rodas, expuxo a súa experiencia deportiva xunto ao importante labor de sensibilización que desenvolve. A medallista paralímpica de tríatlon adaptado, Susana Rodríguez, explicou a importancia de ter un hábito deportivo regular. Patricia Fernández, pola súa banda, compartiu unha historia de valentía e tenacidade, visibilizando as dificultades que conleva practicar deporte para unha persoa con dano cerebral adquirido. Por último, María José Botana transmitiu a frustración de verse relegada a ver desde o banco a súa paixón, o fútbol sala, por non poder formar equipos mixtos na liga de veteranos. Todas as historias, unidas polo fío da constancia, superación e inconformismo, resultaron un chamamento á loita e ao cambio cara a un acceso igualitario ao deporte.
Na segunda mesa redonda participou a subdirectora xeral de programas de fomento de estilo de vida saudables da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez; a responsable de Lecer e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, Zulema Rodríguez; a directora técnica de Special Olimpics, Eunice Mosquera; e a terapeuta ocupacional e experta en terapia acuática, María José Hermida. Todas elas presentaron diferentes recursos deportivos cos que contan as persoas con discapacidade en Galicia, destacando os beneficios observables da práctica deportiva e a importancia do deporte inclusivo en comunidade.
Tratouse, así, dun webinar completo no que as historias de motivación e superación uníronse á reivindicación pola falta de accesibilidade nos espazos deportivos e o rexeitamento á discriminación por razóns de xénero. Destacou, igualmente, a posta en valor dos beneficios que achega a práctica deportiva e a necesidade de seguir camiñando cara á igualdade de dereitos. Finalmente, o acto estivo pechado pola responsable da Comisión da Muller do CERMI Galicia, Dores Venancio.