Skip to main content
O Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (CERMI Galicia) e a Xunta de Galicia expresaron a súa vontade de seguir traballando conxuntamente para potenciar a inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia.   
Así se manifestou este luns na xornada “O Impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade en Galicia”, organizada polo CERMI Galicia, que tivo lugar no edificio administrativo San Lázaro. 
O evento contou coa participación de representantes políticos e do movemento asociativo da discapacidade autonómico coa finalidade de intercambiar ideas para avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade, así como fomentar e dar a coñecer as demandas comúns sobre emprego do sector da discapacidade. 
Durante o encontro, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, indicou como “clave” a integración laboral para “lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade” en Galicia e a traxectoria do Comité en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.  
A apertura correu a cargo da secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, e o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha. A continuación, impartiuse o relatorio “A realidade socio laboral das persoas con discapacidade en Galicia e as actuacións da Xunta de Galicia nesta materia” por parte de representantes da Secretaría Xeral de Emprego. 
Pola súa banda, CERMI Galicia expuxo “As realidades da inclusión laboral das persoas con discapacidade en Galicia” desde o punto de vista dos técnicos que forman parte das entidades membro. Tras un debate entre asistentes, participantes e o equipo da Secretaría Xeral do Emprego, o presidente do CERMI Galicia sintetizou as principais demandas das diferentes entidades integradas no Comité para alcanzar a inclusión laboral das persoas con discapacidade con itinerarios personalizados e campañas de sensibilización ás pequenas e medianas empresas.  
Para pechar a xornada, o conselleiro Francisco Conde puxo en valor que “Galicia é a comunidade que tivo un maior volume de contratación de persoas con discapacidade nos últimos anos, cun crecemento do 75%, ata situala en 25.100 empregados”, aínda que defendeu que “hai que seguir traballando nesta área”.