Skip to main content
Os Premios cermi.es 2015 do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade recoñeceron, na categoría de inclusión laboral, á Asociación Española de Emprego con Apoio (AESE). Fíxoo polo seu labor a favor da igualdade das persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental. 
Alfonso Gutiérrez, que está á fronte de AESE dende xuño de 2014, celebrou o recoñecemento dunha «metodoloxía sinalada pola Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade», e promovida dende hai moitos anos por moitas das entidades sociais. Actualmente, a AESE dá cabida a preto de 90 entidades, entre elas FEAFES Galicia.
A través da súa colaboración coa AESE, FEAFES Galicia leva a cabo un servizo de emprego con apoio, que se configura como un sistema de apoios ás persoas con enfermidade mental para que consigan e manteñan un emprego no mercado laboral aberto. O apoio dáse antes, durante e despois de obter un contrato laboral, incluíndo ademais os apoios ao empresario e tendo como punto crave en todo o sistema, a figura do preparador laboral.
O obxectivo do emprego con apoio é, en definitiva, a creación e o mantemento do emprego nas empresas do mercado ordinario de traballo das persoas con discapacidade e especiais dificultades de inserción, neste caso aquelas que teñen problemas de saúde mental.