Skip to main content

Durante novembro, Saúde Mental FEAFES Galicia colaborou coa Asociación de Persoas Afectadas polo cancro de mama e xinecolóxico (ADICAM) impartindo unhas charlas na nosa sede en Vigo.

Nestes encontros, abertos ao público en xeral; as voluntarias de ADICAM, Ana, Almudena e Raquel, informaron ás persoas que se achegaro ao centro de cales son as técnicas de autoexploración para a prevención do cancro de mama.

Tamén explicaron en profundidade o funcionamento dos servizos da asociación na que son voluntarias. ADICAM naceu en Cangas no ano 2001 e conta cun total de 1578 socios e socias. Está formado por persoas afectadas de cancro de mama, xinecolóxico e de outros tipos de procesos oncolóxicos; tamén por familiares, profesionais e colaboradores solidarizados coa causa.

A Asociación naceu coa finalidade de fomentar o desenvolvemento do apoio social e a axuda mútua, para coseguir que as mulleres teñan unha mellor calidade de vida e benestar.

Entre os servizos que se ofrecen están o apoio emocional, a atención psicolóxica e social, a información e asesoramento, ou charlas sobre educación para a saúde e prevención como as que deron na nosa sede en Vigo.