Skip to main content

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, xunto coa asociación de saúde mental Doa, celebran este venres 12 de setembro o II Campionato de Pingpong dirixido a este colectivo.  Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma. 

O torneo terá lugar no Pavillón de Romarigo, en Cangas do Morrazo, de 10:30 a 14:00 (previo adestramento que comezará ás 10:00). Nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán un total de 50 participantes. Tras a celebración do campionato, ás 14:00, terá lugar a entrega de premios da man de  Alberto Fernández Piñeiro, dobre campeón galego de persoas con discapacidade intelectual e terceiro clasificado de España. Posteriormente, ás 15:00, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia na Praia de Liméns, a non ser que o tempo non o permita. 

As entidades organizadoras estiman que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, todos eles pertencentes a sete asociacións federadas en FEAFES Galicia: Andaina (Oroso, Dodro), Apem (Cee, Vimianzo), Avelaíña (A Guarda, Gondomar), Doa (Vigo, Cangas), Lar (Vilagarcía de Arousa), Morea (O Barco de Valdeorras) e Portanova (Narón).

O Campionato de Pingpong de FEAFES Galicia e a asociación Doa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estes individuos.

As actividades de ocio e deporte que organizan FEAFES Galicia e as súas asociacións membro axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores. 

campionato pingpong.jpg