Skip to main content

Por décimo
segundo ano, Saúde Mental FEAFES Galicia realiza o Camiño de Santiago. Unha
actividade na que participaron arredor de 35 peregrinas e peregrinos entre
os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitoras
acompañantes.

Comezamos a viaxe
o 5 de maio en Lugo, e percorremos 100 quilómetros do Camiño Primitivo que nos
concederon a merecida Compostelana. A ruta realizouse en 10 etapas ao longo de
5 meses e culminou o xoves 27 de outubro, coa chegada á Praza do Obradoiro
arredor das 13:00h

Alí foron
recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e outros
membros da corporación municipal,
que deron a benvida ás peregrinas e
peregrinos. Logo, como peche da aventura, gozaron dunha comida de
confraternidade no casco histórico.

As persoas que
realizaron este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Saúde Mental
Ferrol (Narón), Alume (Lugo), Doa (Cangas e Vigo), APEM (Coruña) e ao Club de
Ocio da federación en Santiago de Compostela.

As actividades de
ocio e deporte que organizamos e as súas accións axudan a mellorar a calidade
de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias
, xa que
lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha
perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na
sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidado.

Ademais, con esta
iniciativa, queremos amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora
das persoas con problemas de saúde mental
, combatendo de modo activo os estereotipos
negativos e falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

Noraboa,
camiñantes!