Skip to main content

Pechamos outro proveitoso ano do Proxecto Practicum 2024 en Vigo cun acto ao que acudiron as persoas participantes do proxecto e as empresas que colaboraron con nós.

Onte, día 28, celebramos o acto de clausura do Proxecto Practicum 2024. Este proxecto, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto.

Ao acto, celebrado na sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo, acudiron Dna. Sandra Bastos Míguez, Deputada de Igualdade e Benestar Social, Dna. Luisa Fernanda Arroyo, membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia e presidenta da Asociación DoaDna. Carina Fernández, coordinadora da área de proxectos de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Dna. Isabel Seguín, referente da delegación de Vigo de Saúde Mental FEAFES Galicia. Estiveron acompañadas por representantes das empresas que colaboran no programa, así como das persoas que se beneficiaron do mesmo.

Durante o acto, realizouse unha mesa redonda na que interviñeron as técnicas de referencia das persoas participantes: Tania Losada e Úrsula Lorenzo; que contaron como se levaron a cabo as accións de seguimento tanto das persoas participantes como das que titorizaron nas empresas. Tamén participaron Héctor Tomás Codesido, representante de Arenal Perfumerías; e Saleta Esperón, representante de Ecogranxa Riomouro; así como Raquel e Eva, participantes do Proxecto Practicum, que falaron da súa experiencia no programa e nas prácticas non laborais que realizaron.

 

 

Un 21% de inserción laboral.

Este ano, un total de 16 persoas usuarias da provincia de Vigo, Meis, Cambados e Cangas participaron no proxecto. Finalmente, logramos unha inserción laboral posterior do 21%.

Agradecemos especialmente a colaboración ads empresas neste proxecto. En 2024 participaron Arenal Perfumerías, Ecogranxa Riomouro, Fundación Nortempo, Mantelnor, Osteovigo, Microsystem (Visual), Acciona Mantén, MRW, Método Estudios Consultores, Asociación veciñal, cultural e deportiva de Cabral, Sólo Saludable, Xardinería Morrazo e Asesoría Gestimer.

Proxecto Practicum é unha vía de contacto e sensibilización do sector empresarial, que contribúe a eliminar o descoñecemento e os prexuízos da sociedade sobre as capacidades laborais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental.