Skip to main content

A presidenta da Asociación de Comerciantes de Castrillón, Eiris e Monelos (ACOCEM), Mariló Fernández; o director de área de negocio de “la Caixa” en A Coruña, Manuel Márquez; o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández, e o director de Igaxes3, Carlos Rosón, en representación do Grupo Incorpora Galicia, firman este martes 21 de outubro un acordo que ten como obxectivo fomentar a integración laboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo e promover accións de responsabilidade social empresarial no marco do programa Incorpora da Obra Social “la Caixa”.

Dende o ano 2006, a Obra Social “la Caixa” fomenta, a través do programa Incorpora, a inserción no mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como parados de longa duración, ex reclusos, mozos en situación de vulnerabilidade, persoas con discapacidade, inmigrantes e vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos.

En A Coruña, o programa Incorpora facilitou 56 empregos entre xaneiro e xuño deste ano, fronte ós 51 que se facilitaran ó longo de todo o 2013. Isto foi posible grazas á implicación de 30 empresas coruñesas neste proxecto de responsabilidade social corporativa. Igaxes3, COGAMI e FEAFES Galicia son as entidades sociais encargadas de desenvolver o Incorpora na provincia.   

A Asociación de Comerciantes de Castrillón, Eiris e Monelos (ACOCEM) é unha entidade sen ánimo de lucro, que defende os intereses do comercio nestes tres barrios coruñeses. Conta con máis de 70 establecementos asociados, comercios de distintos sectores, farmacias, bares, cafeterías, panaderías, comercios de roupa e téxtil, de fotografía, reformas para o fogar, perruquerías, tendas de mobles, froiterías, aseguradoras, asesorías, academias e outros comercios varios. 

A ACOCEM colaborará a partir de agora co programa Incorpora mediante o fomento da contratación e formación de persoas con enfermidade mental e co impulso de accións concretas no ámbito da responsabilidade social empresarial. Pola súa banda, Incorpora prestaralle información e asesoramento especializado sobre subvencións e axudas á contratación e á creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción. 

Os técnicos de inserción, figura clave

A principal aportación de Incorpora é que presenta un concepto innovador da integración laboral de persoas en risco ou situación de exclusión, xa que reúne nun mesmo modelo a rede de entidades sociais e a rede solidaria de empresas no marco da responsabilidade social empresarial.

Isto non tería sido posible sen a contribución dos oito técnicos de inserción laboral en A Coruña, entre eles tres pertencentes a FEAFES Galicia, que constitúen unha figura clave no Incorpora. Entre as tarefas do insertor destacan a prospección de empresas, o seguimento do proceso de formación do beneficiario e o acompañamento laboral da persoa insertada.

Servizo gratuíto de asesoramento en RSC

Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social corporativa, neste caso centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.

A consolidación do proxecto, mesmo na actual conxuntura económica, pon de manifesto que, a través deste programa, as empresas atopan unha vía para contribuír á mellora do seu entorno máis inmediato. Isto permítelles, ademais, contribuír a paliar, na medida das súas posibilidades, unha das problemáticas sociais que máis preocupan ós cidadáns: o paro.

convenio incorpora coruña.jpg