12 persoas de entre 18 e 29 anos de idade cun problema de saúde mental participan no programa Fórmate na Empresa 2026 impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Saúde Mental FEAFES Galicia participa no programa Fórmate na Empresa 2026, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. 12 persoas de entre 18 e 29 anos participan desta iniciativa que no mes de maio iniciou as estadías formativas en empresas ou entidades vencelladas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.
A finalidade deste proxecto é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), non ocupadas e non integradas no sistema de educación ou formación. Búscase así contribuír á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Desde o 23 de abril e ata o 14 de maio recibimos numerosas solicitudes de participación desta iniciativa. Tras o proceso de selección iniciaron o programa 12 mozos e mozas cun problema de saúde mental. Máis do 50% destas persoas teñen certificado de discapacidade.
3 meses de estadía para coñecer a realidade empresarial
Dentro do programa “Fórmate na empresa” deseñamos un itinerario personalizado de emprego con cada persoa participante co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade. Do mesmo xeito, participarán en sesións formativas de habilidades e competencias para o emprego impartidas polo persoal da nosa entidade.
As estadías formativas realízanse en empresas e entidades galegas de sectores económicos estratéxicos: agroalimentación, tecnoloxías da comunicación e da información, calidade e benestar; e teñen unha duración de 3 meses. Durante todo ese tempo haberá unha persoa titora de Saúde Mental FEAFES Galicia. Esta persoa coordinarase co titor ou titora de cada entidade ou empresa de acollida para ofrecer o apoio necesario na adaptación ao posto e o mantemento do mesmo.
As estadías formativas terán lugar en:
- Limpeza de estancias hospitalarias con Serveo Servicios SAU (Lugo)
- Instalación de fibra óptica a domicilio con Reganet Networks SL (Lugo)
- Axudante de cociña e apoio en liña de produción con Freshcut SL (Godomar)
- Venda e atención ao público con Sprinter Megacentros SL (Vigo)
- Administración e recepción con Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes)
- Apoio en paquetería, fabricación de produto e envasado con Andaina Pro Saúde Mental Emprego SLU (Dodro)
- Apoio en instalacións e reparacións informáticas con Ourentec Servicios Informáticos (Ourense)
- Atención ao público en tenda con Eixo Librerías (Ourense)
- Limpeza en residencia de persoas maiores con Integra CEE (A Coruña)
- Apoio en atención e reposición en tenda con Insertega SL (A Coruña)
- Auxiliar de cociña en residencia de persoas con discapacidade intelectual en Fundación Adcor (A Coruña)
Durante as estadías formativas, as persoas participantes perciben unha bolsa de 690,67€. Esta bolsa poderase incrementar en 100€ en caso das persoas con discapacidade e noutros 100€ para desprazamentos cando a estadía sexa un concello diferente ao de residencia.
Melloramos a taxa de inserción laboral
Para as persoas con problemas de saúde mental atopar e manter un emprego non é doado. Pero desde Saúde Mental FEAFES Galicia sabemos que, cando existe un apoio e acompañamento detrás a taxa de inserción aumenta significativamente. No caso do programa “Fórmate na Empresa”, rexistrouse unha taxa de inserción laboral do 59,35% desde a súa creación no ano 2022 baixo o nome de “Xuventude Mentoring”.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia queremos expresar o noso agradecemento ás 20 entidades e empresas que asinaron o compromiso de colaboración o seu apoio. Grazas a elas podemos seguir contribuíndo á mellora da empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental.
Máis información sobre o programa aquí https://xuventude.xunta.gal/gl/programas-c/formate-na-empresa .
O programa Fórmate na Empresa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do Obxectivo político 4; Prioridade 5. Obxectivo específico ESO4.1 e Medida 5.A.05.: prácticas formativas en países europeos ou en Galicia.

