Skip to main content

100 persoas con problemas de saúde mental inician as súas prácticas tras rematar os cursos pertencentes ao catálogo do SEPE no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Saúde Mental FEAFES Galicia continúa co Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025-2026, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.

As formacións que se fixeron desde o inicio do programa pertencen ao catálogo de formacións do Servizo Público de Emprego (SEPE). E permiten que as persoas usuarias actualicen e reforcen as súas competencias de cara a mellorar a súa empregabilidade.

Formacións que abren portas

No marco deste programa estamos a impartir formacións en A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Como resultado, 45 persoas participantes resultaron aptas no curso de Competencias dixitais básicas, que tivo un total de 300 horas de duración. No curso de Primeiros Auxilios Físicos e Psicolóxicos na empresa, completaron as 100h de formación 39 persoas; e 12 alumnas e alumnos resultaron aptos na formación de Limpezas e Superficies, de 30h de duración.

O alumnado que cursou as formacións do catálogo do SEPE recibiu ademáis 10 horas de formacións en Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, conciliación e corresponsabilidade familiar e doméstica.

En definitiva, o 95% do alumnado resultou apto nas formacións do catálogo de especialidades do SEPE,  completándonse un total de 430 horas de formación, que tiveron lugar entre novembro de 2025 e febreiro de 2026.

Nesta nova edición, ademais, incorporamos formacións en Aplicacións Prácticas da Intelixencia Artificial e os chatbots de IA xenerativa como ferramentas de apoio para a busca activa de emprego.

En Saúde Mental FEAFES Galicia, cremos que é fundamental asegurar que o uso desta tecnoloxías emerxentes non xere discriminacións, nin cause ningún tipo de prexuízo social. Por este motivo, nas nosas formacións facemos fincapé en aspectos tales como a ética, a privacidade e a seguridade no seu uso.

Iniciamos as prácticas non laborais en empresas

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025-2026, contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.

Nos próximos meses, as persoas participantes iniciarán as prácticas non laborais en empresas. Estas prácticas permítenlle ao noso alumnado seguirse formando no propio lugar de traballo e coñecer a realidade e necesidades dun posto en concreto. Estas prácticas permiten ademais reducir o prexuízo que aínda existe cara o bo desempeño laboral das persoas con problemas de saúde mental.

É necesario salientar que, nesta iniciativa, contamos cunha bolsa de axuda de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación segundo as necesidades.

A través deste proxecto, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego e acadar, como mínimo, o 42% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais  e profesionais.