Skip to main content
Un ano máis, FEAFES Galicia está a desenvolver o Programa Integrado de Emprego EM-Prégate, cofinanciado pola Consellería de
Economía, Emprego e Industria, que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral dos seus participantes.
Isto lógrase a través de diversas actuacións como accións de información e orientación para a busca de emprego, realización de itinerarios personalizados de inserción, accións formativas, prospección no mercado laboral, intermediación laboral, sensibilización no tecido empresarial ou apoio para o mantemento do posto de traballo.
Co obxectivo de axudar aos participantes a acadar un emprego, durante o desenvolvemento do programa lévanse a cabo unha serie de cursos para mellorar a súa empregabilidade:

Cursos de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Busca de Emprego 

Comezarán en Coruña o 21 de xaneiro, en Lugo o 25 de xaneiro, en Santiago e Ourense o 22 de febreiro, e en Vigo o 7 de marzo. Estes cursos constan dun total de 20 horas distribuídas en 5 sesións de 4 horas cada unha. O seu obxectivo é que os alumnos adquiran un dominio axeitado das ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías para coñecer as súas funcionalidades, estudar posibles novos usos e enfocalas nun contexto de busca de emprego.

Cursos de Motivación e Técnicas para a Busca de Emprego

Terán lugar en Ourense do 22 de xaneiro ao 5 de febreiro e en Vigo do 1 ao 15 de febreiro. Constarán dun total de 44 horas repartidas en 11 sesións de 4 horas cada unha. O curso está destinado a aumentar o coñecemento sobre un mesmo e sobre o mercado laboral, así como aprender técnicas para buscar traballo mantendo unha actitude positiva. Os participantes aprenderán tamén a ter unha orientación vocacional axeitada e a obter ferramentas para a busca de emprego.

Curso de Habilidades Sociais e Laborais 

Realizarase en Ourense entre o 10 e o 19 de febreiro e terá un total de 32 horas que se desenvolverán ao longo de 8 sesións de 4 horas cada unha. Neste obradoiro, os participantes aprenderán a superar as dificultades derivadas da enfermidade para mellorar as súas aptitudes básicas e o seu desenvolvemento persoal, adquirindo así mesmo técnicas e estratexias que faciliten o seu acceso ao mercado laboral.