Skip to main content
O pasado 20 de xaneiro comezou en A Coruña un Obradoiro de Habilidades Sociais e Laborais no que están a participar 10 persoas pertencentes ao Programa de Habilidades Prelaborais, cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade dos demandantes de emprego con problemas de saúde mental para así favorecer a súa integración social. 
Este obradoiro, que se desenvolverá ata o 25 de xaneiro, consiste nunha acción grupal teórico-práctica na que se imparte aos participantes nocións sobre habilidades sociolaborais básicas que poden ser de utilidade no seu proceso de inclusión na sociedade e no entorno laboral. Deste xeito, os participantes traballan as habilidades comunicativas, adaptabilidade, autonomía, responsabilidade, compromiso e xestión do tempo, entre outras.
Ao igual que se está a desenvolver en A Coruña, este obradoiro realizouse tamén nas cidades de Santiago e Vigo a finais do 2019, sendo por tanto un total de 30 persoas as beneficiarias destas accións formativas en toda a comunidade autónoma. Con esta adquisición de habilidades, Saúde Mental FEAFES Galicia pretende fomentar a participación das persoas con problemas de saúde mental como cidadáns activos no desenvolvemento social e económico do seu entorno.
Por outra banda, o 20 de xaneiro tamén comezou nas delegacións de Santiago e Vigo un Obradoiro de Psicoeducación, co que se pretende mellorar o coñecemento e o manexo dos problemas de saúde mental como factor protector que facilite a integración sociolaboral, non só coa persoa senón tamén coa familia, posto que ambos teñen unha gran necesidade de información e o dereito a que se lles preste. En A Coruña xa se desenvolveu no 2019, beneficiándose en total de 30 persoas en toda a comunidade autónoma.
O Programa de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.