A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade mental de Galicia, FEAFES, únese un ano máis ás moitas voces que se alzan a propósito do Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro) na defensa dos dereitos e necesidades das persoas con enfermidade mental reivindicando unha mellor e maior atención a este colectivo.
Como entidade creada e composta por familiares e persoas con enfermidade mental, non podemos senón facer visibles as nosas maiores preocupacións e necesidades. Estamos a falar dunha enfermidade que afecta a máis de 41.500 persoas en toda Galicia e que supón un xiro absoluto na vida da persoa que a padece e dos seus achegados.
A este propósito, centramos as reivindicación do Día Mundial da Saúde Mental 2015 en torno a estes tres eixos:
Un emprego para a integración e a normalización
Se ben as persoas con discapacidade teñen na inserción laboral unha das principais barreiras para a súa integración, a discapacidade por enfermidade mental é a que rexistra unha maior discriminación e uns niveis máis baixos de inserción laboral. Os datos demostran que só o 5% do colectivo ten un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral.
O traballo identifica ás persoas como elementos activos da sociedade, sendo unha parte fundamental do seu camiño cara a normalización. Para aumentar a inserción laboral das persoas con enfermidade mental é preciso superar as barreiras sociais, especialmente os prexuízos das empresas á hora de contratar a alguén deste colectivo.
Reclamamos, polo tanto, maiores e mellores oportunidades laborais para o colectivo, poñendo o acento sobre as capacidades e a motivación que teñen as persoas con enfermidade mental para ocupar un posto de traballo. Deben existir sistemas de apoio e adaptación así como todo tipo de recursos que faciliten unha inserción laboral real: formación para o emprego adaptada ás necesidades dos demandantes, emprego con apoio, cotas de reserva de emprego para persoas con discapacidade, etc.
Non somos invisibles
Durante moitos anos, as persoas con enfermidade mental foron agochadas e afastadas da sociedade baixo falsas crenzas e prexuízos que aínda supoñen unha lastra para o colectivo. Se ben nos últimos tempos se deron pasos cara adiante, os problemas de saúde mental aínda seguen a ser invisibles e as persoas que os padecen todavía están silenciadas ante a sociedade. A desinformación e a falta de coñecemento sobre os trastornos mentais produce que en moitas ocasións a sociedade non comprenda, estigmatice, discrimine e rexeite ás persoas que teñen este tipo de problemas de saúde.
Por iso, baixo o grito de “Existimos!”, queremos amosar á sociedade a realidade sobre a enfermidade mental e demostrar que é posible levar unha vida normalizada. A enfermidade mental non está ligada á violencia, á tolemia ou á incompetencia, e as persoas que as padecen son igualmente válidas que o resto para participar na vida política e social da súa contorna, exercendo os dereitos que lles corresponden como cidadáns.
A atención á saúde mental, un compromiso de todos
Ao igual que calquera individuo, as persoas con enfermidade mental teñen dereito a vivir en comunidade, gozar dun benestar e participar nas decisións que afecten á súa vida. É unha cuestión de xustiza social garantir recursos e políticas públicas de educación, emprego, sociais e sanitarias coas que apoiar calquera aspecto da vida das persoas para protexer a súa saúde mental.
Baixo a premisa de que as enfermidades mentais eran un problema esencialmente sanitario, durante moito tempo non se afrontou a súa atención dun xeito integral, sendo esquecidos moitos aspectos da vida da persoa que van máis alá dos hospitais. Queremos facer ver que a estabilidade da enfermidade mental pasa por unha abordaxe completa da situación da persoa que a padece, atendendo a todos os seus condicionantes e aos do seu entorno.
Por iso, e tendo en conta que a falta dunha atención axeitada á saúde mental pode levar á exclusión social de quen padece a enfermidade, reclamamos a dotación de apoios e soportes que permitan facer fronte á plena realidade destas persoas. A detección precoz, a continuidade nos tratamentos, a atención integral e comunitaria, o apoio das familias e o fomento da autonomía das persoas con enfermidade mental son eixos nos que se debería traballar para mellorar esta situación.
Igualmente, e atendendo aos recentes acontecementos tráxicos relacionados con problemas de saúde mental, queriamos facer énfase sobre a necesidade de establecer mecanismos de prevención que eviten situacións desfavorables e eludibles. Para iso, solicitamos o compromiso das administración e organismos implicados coa fin de facer da saúde mental unha cuestión de todos e camiñar xuntos cara a súa mellora e progreso.