As principais cidades e concellos de Galicia acollerán a proxección do documental “Con etiqueta. Un documental sobre saúde mental”, dirixido por Adriana Pérez Villanueva ao longo das próximas semanas.
Rosa, Antón, Rodolfo ou Moncho son os nomes dalgúns dos protagonistas deste documental de 50 minutos de duración, que ofrece as voces dun grupo de persoas vinculadas ás doenzas mentais: persoas diagnosticadas, familiares, médicos e coidadores, desvelándonos unha realidade que se esconde ao noso lado, xa que en Galicia son máis de 41.000 as persoas con certificado de discapacidade por unha enfermidade mental.
Adriana Pérez Villanueva encargouse da dirección, a gravación e a montaxe do documental, mentres que o guión correu da man de Manuel Torres Cubeiro. Pola súa banda, Art ex Machina encargouse do son, Sintrom Licoris da música, Santi Nieto da gravación de recursos e Illa Bufarda do deseño do cartel.
O documental elaborouse co apoio da asociación pro saúde mental A Creba e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes).