Para ter unha
vida laboral saudable, é fundamental coñecer cales son as nosas obrigas e os
nosos deberes. O pasado 16 de setembro, 6 persoas con discapacidade por
problemas de saúde mental, desempregadas e inscritas no Servicio Público de
Emprego participaron no taller Deberes e dereitos laborais e autoemprego
en Santiago de Compostela.
Para as persoas
con problemas de saúde mental o emprego ten unha función terapéutica:
permítelles desprazar o rol de “enfermo” polo rol de “traballador”. Por iso
apostamos por todo tipo de recursos que faciliten a súa inserción. Como a
formación laboral, a sensibilización emrpesarial, as cotas de reserva para as
persoas con discapacidade e o emprego con apoio.
Durante o período
2022-2023, estamos desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego de Galicia
para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade na comunidade.
Este programa busca mellorar as opcións de acceso ao emprego das persoas que
teñen un problema de saúde mental.
Durante o
programa, que se desenvolve no marco do convenio firmado entre a Consellería de
Emprego e Igualdade e o Comité Español de Representantes de Persoas con
Discapacidade de Galicia (Cermi Galicia), trabállase con 131 persoas ao ano
(262 no total do proxecto) en toda a comunidade autónoma. Esta colaboración
enmárcase nas políticas activas de emprego previstas en Galicia e contempladas
no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A última
actividade realizada dentro deste programa foi o taller de Deberes e
Dereitos Laborais e Autoemprego. Durante a sesión, as persoas participantes
realizaron dous módulos: un de dereitos e deberes dos traballadores, onde
adquiriron coñecementos básicos sobre dereitos e deberes laborais, xerarquía da
normativa xeral, tipos de contratos e as súas características e salario mínimo
interprofesional; e outro de autoemprego, que busca proporcionarlles
coñecementos sobre o emprego por conta propia.