O pasado 26 de maio, un grupo de 16 alumnos do curso de operario de almacén do Punto Formativo Incorpora, tiveron a oportunidade de coñecer dende dentro a xestión e funcionamento dos almacéns de Vegalsa en Sigüeiro.
Roberto Sánchez, xefe de quenda, recibiu aos visitantes ás 12:45 e explicoulles, durante case hora e media, o funcionamento deste almacén que inclúe marcas como Eroski Center, Eroski City, Familia, Cash Record e Aliprox. Todos os alumnos participaron activamente na visita e amosaron o seu interese preguntando as súas dúbidas ao representante da empresa. Á visita acudiu tamén o personal técnico e docente do curso.
Punto Formativo Incorpora
Co obxectivo de mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, Obra Social “la Caixa” desenvolve un programa formativo que capacita aos seus participantes dende un punto de vista integral.
Neste marco, FEAFES Galicia está a desenvolver en Santiago de Compostela un curso de operario de almacén que ensina aos alumnos a desempeñar tarefas profesionais no ámbito da loxística comercial e a xestión do transporte, podendo deste xeito traballar en empresas do sector comercial como operarios de almacén.
O curso consta dun total de 300 horas lectivas que inclúen formación en competencias transversais, capacitación técnica e prácticas non laborais en empresas colaboradoras. Antes de comezar as prácticas, as visitas a empresas axudan aos alumnos a tomar un primeiro contacto coa xestión e o traballo real que se realiza nun almacén.