Skip to main content

A asociación APEM está a desenvolver de forma pioneira o proxecto de sensibilización “Teño 2 papás”, unha iniciativa dirixida a alumnos de Educación Primaria que se está a levar a cabo no CEIP Vales Villamarín. A campaña ten como obxectivo erradicar o estigma asociado ás enfermidades mentais e tratar a realidade de moitos nenos e nenas que conviven con persoas que padecen algún trastorno deste tipo. 

Para iso, emprégase o teatro como medio de transmisión da mensaxe, a través dunha obra na que os nenos e nenas do centro van desvelando pouco a pouco o misterio dunha rapaza que afirma ter dous papás. Tras a representación, o traballo da campaña continúa nas aulas, onde os profesores poden traballar cos alumnos un material elaborado por APEM no que se da a coñecer e se sensibiliza acerca das enfermidades mentais.

No proxecto “Teño 2 papás” interveñen distintos axentes sociais: os usuarios, voluntarios e traballadores de APEM a través da elaboración de decorados, tramoeiros e asistencia na reportaxe audiovisual; o Teatro Ghazafelhos que representa a obra; o profesorado e alumnado do centro educativo que acoden á representación; Xosé Tomás que colaborou coa ilustración do proxecto e César Fotógrafos que realizou a gravación do mesmo.

A escenificación da obra tivo lugar o mércores 18 de marzo ás 11:00 cun resultado moi satisfactorio. Os rapaces de 3º de primaria do CEIP Vales Villamarín estaban na aula cando irrompeu unha nena chamada Sabela montada en patinete. A rapaza comezou a falar dos seus pais Nacho e Ignacio, ata que os alumnos se decataron de que Sabela non tiña dous pais senón un, e a raíz de aí comezaron a debullar as enfermidades que afectan á mente…

teño 2 papas.jpg