Skip to main content
Cando Olaia chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia, sabía pouco da entidade e non tiña moi claro en que podería axudarlle. “Buscaba axuda e que a miña vida cambiase un pouco, dalgunha maneira”, comenta. “O meu ánimo estaba moi baixo e non tiña ganas de nada”. 
Tras falar cos técnicos de atención directa de Ourense, entrou a formar parte do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Desta experiencia, asegura que a mudanza máis importante foi coñecerse a si mesma, aprender a entenderse e, a partir de aí, sacar o bo dela mesma. “Agora atópome mellor comigo. Do que era antes ao que son agora, hai un cambio bastante grande; non radical, pero si moi grande” asegura.
Olaia ten moi claro, ademais, que para atoparse ben, hai que buscar axuda e apoiarse nas persoas que che queren, como os amigos ou a familia. Pero outra cousa fundamental é aceptar a enfermidade mental e quererse a unha mesma: “Sempre estaba pensando que facer para ter un futuro mellor e non me daba conta de que para iso hai que estar ben no presente, sobre todo á hora de buscar traballo”.
Esta ourensá ten tras de si varias experiencias laborais, e asegura que de todas elas pode sacar unha aprendizaxe. “O traballo apórtame benestar, independencia… moitas cousas. Non só é diñeiro, tamén é liberdade” explica. Proximamente vai realizar un obradoiro formativo ante o que ten boas expectativas, pois ela mesma asegura que “cando estás aprendendo xunto a outra xente, podes facer amizades e ampliar o teu entorno social”. 
Tras o seu paso polo Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental, Olaia sostén que á hora de apoiar a mulleres en situacións semellantes á súa, cada caso é un mundo. “Hai moitas circunstancias e expectativas distintas. No meu caso, o problema era a relación comigo mesma, a autoestima. Costábame comprenderme e mellorar cousas que non era capaz”.  Agora, tras o seu paso polo programa, asegura atoparse moito mellor consigo mesma, o cal é o primeiro paso para labrarse un futuro.