Skip to main content

Lanzamos a campaña #ConectaCoaVida para romper o tabú que aínda existe cara esta realidade, animando a falar do suicidio dunha forma responsable e a pedir axuda cando sexa preciso.

Con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio que se conmemora o 10 de setembro, Saúde Mental FEAFES Galicia lanza unha campaña de sensibilización baixo o hashtag #ConectaCoaVida.

No vídeo que acompaña esta camapaña, tres persoas establecen unha interlocución con alguén que ten unha ideación suicida, trasladándolle mensaxes de apoio, comprensión e validación; animando así a falar do suicidio dunha forma responsable e a pedir axuda cando sexa preciso.

Con esta iniciativa, queremos reivindicar unha atención transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade.

Unha web para conectar coa vida

Por outra banda, esta campaña está apoiada pola web conectacoavida.org, un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para abordalo: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares ós que acudir, recursos de utilidade, etc. Con esta ferramenta preténdese sensibilizar acerca do suicidio e favorecer así a súa prevención.

Nesta web preséntase o programa “Conecta coa vida”, financiado pola Consellería de Sanidade e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, busca ofrecer información e asesoramento sobre o suicidio a toda a poboación, partindo da base de que o silencio que rodea ao suicidio produce un aumento do estigma, a desinformación, a incomprensión e dificulta o acceso ás medidas de prevención.

O obxectivo deste programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes. Deste xeito, presta especial atención aos colectivos vulnerables ou ás persoas con maior risco de desenvolver unha ideación suicida, especialmente mulleres en situación de violencia, persoas con discapacidade, persoas cun diagnóstico de saúde mental e persoas en risco de exclusión.

Difundir este vídeo pode ser de axuda para moitas persoas. Compárteo nas túas redes!

E se cres que ti ou alguén que coñeces pode estar en risco, ponte en contacto con nós. Infórmate en conectacoavida.org

 

 

Coa colaboración de:

         

Esta campaña foi financiada con cargo ós fondos que foron aprobados no CISNS de data do 23 de xuño de 2023 como apoio á implantación do Plan de Acción de Saúde Mental.